O I Salón Outletcar Silleda mostrará máis de 500 vehículos do 14 ao 16 de setembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA


Silleda, 2.8.2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá entre o 14 e o 16 de setembro deste ano o I Salón Outletcar Silleda´18.

Esta cita, organizada por OK Eventos, estará centrada en turismos seminovos, kilómetro cero e de ocasión. Mostraranse máis de 500 vehículos que ocuparán unha superficie de 11.000 metros cadrados, a cal se corresponderá co pavillón 1 do recinto feiral.

Nesta ampla oferta haberá opcións económicas e tamén propostas de alta gama, de todas as marcas e modelos. Ofrecerán excelentes garantías e condicións, xa que a maioría de firmas presentarán descontos exclusivos para este salón.

O coste da entrada será de 3€ por persoa e día, se ben os menores de 16 anos poderán acceder de forma gratuíta. O horario de apertura da feira, que contará con servizo de restauración, será de 10.00h a 20.00 h os tres días de celebración.

O 80% do espazo reservado

Este evento ten xa reservado o 80% do seu espazo con concesionarios e compravendas. Entre eles figuran os concesionarios oficiais Xaquín Ford, de Padrón; Balpersa, de Ourense; e Yañez e Noyamovil, ambos de Santiago de Compostela, e tamén os establecementos Auto Ilusión, de A Guarda; GR Cars, de Noia; RS Automoción, de Vilagarcía de Arousa; CCK, de Vilanova de Arousa, Autos Diz, de Tui; Si Buscas Coche, de Santiago de Compostela; RS Cars, de Lalín; Senra Sport, de Dumbría, e Galaicar, de Meis.

Outro evento novo na FIGA

Este I Salón Outletcar Silleda súmase ás numerosas citas que se inclúen por primeira vez no calendario da Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) neste 2018, un ano de eclosión de novos eventos.

Destas incorporacións xa se desenvolveron o encontro da firma de maquinaria agrícola New Holland en abril, o I Motor Okasión Galicia entre finais de abril e principios de maio e Expoferr en xuño, mentres que o parque de ocio ExpoAventura Silleda se está a celebrar dende onte ata o 16 de setembro e a primeira edición de ExpoBus Iberia será os días 9 e 10 de novembro. Ademais, o recinto acollerá este ano outros eventos aínda por anunciar.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal