Fefriga e a Fundación Semana Verde de Galicia acordan cinguir os concursos da raza frisoa á feira Abanca Cimag-GandAgro


Silleda, 3.5.2018.- A Federación Frisona  Galega (Fefriga) e a Fundación Semana Verde de Galicia acordan celebrar os concursos  morfolóxicos da raza frisoa unicamente na feira  Abanca  Cimag-GandAgro, polo que non terán lugar na Feira Internacional  Abanca Semana Verde de Galicia.

Este cambio foi consensuado por ambas as entidades tras unha reunión mantida entre a Federación Frisona  Galega e os seus asociados na que se abordaron as impresións que estes gandeiros veñen expresando ao respecto a  Fefriga e á Fundación nos últimos anos.

Así, esta decisión céntrase en dous aspectos. O primeiro deles é o interese dos distintos implicados en dirixir os esforzos á organización destes concursos na feira  Abanca  Cimag-GandAgro por tratarse do certame de referencia para o sector primario e, por tanto, para o gandeiro. Un espazo profesional no que se crea un marco idóneo para a súa celebración e xéranse as sinerxías necesarias para que estas competicións sexan un éxito.

O segundo reside en que os gandeiros de frisón consideran que as datas nas que ten lugar a feira  Abanca Semana Verde de Galicia dificultan a súa participación nos concursos, por realizarse nesta época gran cantidade de traballos agrícolas, por acadarse habitualmente altas temperaturas que afectan ao benestar dos animais e tamén por ser tempada de exames finais que impiden unha alta concorrencia ao concurso de Xóvenes  Manexadores, na súa maioría estudantes.

Así mesmo, os criadores de frisón manifestaron a necesidade de maior espazo que o que pode ofrecer a feira  Abanca Semana Verde debido á ocupación dos seus pavillóns e tamén a consideración de que catro días son demasiados, tanto polos labores referidos anteriormente aos que teñen que atender como polo tempo que teñen que estar os animais no recinto, especialmente as vacas en  lactación.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal