O I Salón Motor OKasión Galicia abre mañá as súas portas con máis de 800 vehículos en exposición


Silleda, 27.4.2018.- O I Salón Motor OKasión Galicia abre as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA dende mañá sábado ata o martes 1 de maio. E faino cunha ampla exposición que o converte no maior salón de vehículos de ocasión da comunidade.

Mostraranse 810 vehículos que inclúen turismos, industriais, sen carné e autocaravanas. Unha gran oferta coa que se completou a superficie expositiva dispoñible, motivando que algunhas empresas non puideran participar xa nesta edición por falta de espazo.

Así, estarán presentes 44 empresas das catro provincias galegas, as cales exporán todo tipo de marcas e modelos, con excelentes garantías e condicións, xa que a maioría de firmas presentan descontos exclusivos para este salón.  Os prezos irán dende os 1.000 euros os máis baratos ata 100.000 euros o máis caro con prezo confirmado, se ben os visitantes encontraranse cunha sorpresa, un chamativo coche que superará amplamente esta cantidade.

O salón contará cunha superficie de 22.500 m² que ocupará os dous pavillóns principais do recinto. No número 1 poderanse encontrar os vehículos industriais, autocaravanas e, nunha zona exclusiva, os coches de alta gama, mentres que no 2 estará a gran mostra de turismos. No espazo de conexión entre ambos situaranse os coches sen carné, stands comerciais e  a cafetería/buffet.

Exhibicións e un circuíto de seguridade viaria

Como complemento á exposición o I Salón Motor OKasión Galicia ofrecerá un programa paralelo con gran interese. Así, os nenos desfrutarán de varias atraccións e un circuíto de seguridade viaria, e tanto os máis pequenos como os adultos contarán cunha gran tirolina e un circuíto de karts no exterior.

Ademais, realizaranse distintas actividades. O domingo 29 levarase a cabo unha exhibición de vehículos 4x4 a cargo do piloto Raúl López Conde e a súa cuadrilla, ás 12.00 h e ás 18.00 h. Ese mesmo día celebrarase unha concentración de coches VAG (de marcas do grupo Volkswagen), que incluirá unha ruta polo concello de Silleda e a visita ao salón durante a tarde.
 Xa o día 1 de maio está programa unha exhibición a cargo do piloto de karting silledense Christian Costoya, a cal tamén terá lugar ás 12.00 h e ás 18.00 h.

O coste da entrada ao I Salón Motor OKasión Galicia será de 3€, se ben os menores de 16 anos poderán acceder de forma gratuíta.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal