Máis de 13.200 persoas desfrutaron este Nadal do parque de atraccións Silleda Park


Silleda, 8.1.2018.- Un total de 13.211 nenos e adultos acudiron este Nadal á Feira Internacional de Galicia ABANCA para desfrutar da terceira edición do seu parque de atraccións, o Silleda Park, o cal se desenvolveu no recinto durante doce días, un máis que na pasada convocatoria. Estes foron o 22, 23, 28, 29 e 30 de decembro e do 1 ao 7 de xaneiro.

Esta cifra supón un 30% máis de asistentes que na pasada edición do evento, cando se rexistraran 10.168 persoas. Unha cifra que xa superara considerablemente á da primeira cita do parque, con algo máis de 8.000 persoas.

Un crecemento que a organización pretende que continúe, e para o cal estudará seguir implementando o parque a través dun maior número de propostas e da ampliación da súa superficie coa incorporación do pavillón contiguo ao que agora alberga o evento.

En canto á procedencia destes asistentes, rexistráronse visitas de cerca de 100 concellos diferentes das catro provincias galegas que fixeron patente a tendencia do parque a acoller cada vez máis público tanto de fóra do municipio de Silleda, onde se celebra o parque, como de moitas outras comarcas distintas á de Deza, á que pertence o concello silledense.

Visitas programadas

O parque rexistrou nesta edición gran cantidade de visitas programadas por distintas entidades. Así, formou parte das actividades de Nadal  de 10 Concellos que organizaron viaxes ao parque ou colaboraron na súa realización, como foron Rodeiro, Santa Comba, Vila de Cruces, A Baña, Monfero, Sobrado, Cuntis, Irixoa, Boiro e Malpica. Tamén contou coas visitas organizadas por distintas Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (ANPAS), ademais de equipos de fútbol, agrupacións e grandes grupos de familiares ou amigos.

Por outra banda, o Concello de Silleda volveu a repartir entradas para o parque entre os nenos empadroados no municipio.

Unha atractiva proposta

O Silleda Park contou novamente cunha atractiva formulación que combinou atraccións, actividades e zonas lúdicas e deportivas.

Estiveron presentes unha decena de atraccións ás que os asistentes puideron subir as veces que quixeron, entre as que se podía encontrar un saltamontes, unha pista de coches, un tirachinas, unha olla ou diversos inchables. A elas sumáronse varias áreas lúdicas, como unha de videoxogos e outra de xogos para os máis pequenos,  un xadrez xigante, unha exposición de figuras de ciencia ficción, un karting infantil, unha galería de tiro con pistolas de paintball ou unha zona deportiva con pistas de fútbol, baloncesto e tenis, ademais de minigolf, ping pong e billar. Tamén se  levaron a cabo entretidas actividades, como talleres de maquillaxe, globoflexia e espadas láser, ademais de contar todos os días coa presenza de personaxes de debuxos animados.

Por outra banda, realizáronse de forma puntual exhibicións de kung fu, zumba e tai chi a cargo da Asociación Deportiva Kung Tai, unha actuación de El Show de los Payasos  e, o día 5 de xaneiro, o final da Cabalgata de Reis do Concello de Silleda, con chocolatada gratuíta. 

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal