A II Feira da Enerxía de Galicia continúa a súa promoción en certames da Península acudindo a Concreta, en Portugal


Silleda, 23.11.2017.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA participa estes días no certame portugués Concreta, o cal se celebra dende hoxe ata o vindeiro domingo 26 de novembro no recinto Exponor, situado en Porto.

Coa súa presenza expositiva nesta Feira Internacional da Construción para unha Rexeneración Urbana Sostible, na que o ámbito enerxético ten un importante peso, a entidade feiral continúa a promoción que está a levar a cabo da Feira da Enerxía de Galicia en distintos eventos da Península.

En Concreta, e tamén na Mostra de Material Eléctrico e Electrónica (Eléctrica) que se celebra de forma paralela, difundirase a imaxe da feira entre expositores e visitantes e establecerase contacto coas empresas que concorren a esta edición dos certames lusos.

Esta participación enmárcase no convenio entre a Feira Internacional de Galicia ABANCA e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), mediante o cal, entre outras accións, se está a dar difusión á II Feira da Enerxía de Galicia en distintos certames relacionados con este sector. Este acordo xa supuxo a súa presenza tamén con stand no salón valisoletano Expobiomasa o pasado mes de setembro e contempla unha visita comercial ao certame Egética, que se celebrará en Valencia os días 29 e 30 deste mesmo mes.

Feira da Enerxía de Galicia

A II Feira da Enerxía de Galicia, apoiada polo bos resultados acadados na súa primeira convocatoria, está a traballar nunha cita que pretende potenciar a súa exposición, que volverá a contar coa presenza de todos os sectores enerxéticos, e tamén ampliar o seu programa de actividades.

Entre os eixos principais desta edición, que se celebrará do 22 ao 24 de marzo, estará a  bioenerxía, o aforro e eficiencia enerxética e os combustibles alternativos para sectores difusos (transporte, agricultura e gandería, residuos…).

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal