O parque de atraccións Silleda Park celebra este Nadal a súa terceira edición cun día máis de diversión e numerosas propostas


Silleda, 15.11.2017.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá de novo durante este Nadal o parque de atraccións Silleda Park, aumentando un día máis a súa duración e volvendo a ofrecer numerosas propostas para nenos e xóvenes.

Así, nesta terceira edición serán doce as xornadas nas que as portas do recinto estarán abertas para desfrutar do parque, correspondéndose cos días 22, 23, 28, 29 e 30 de decembro e do 1 a 7 de xaneiro.

O Silleda Park contará de novo cunha formulación que xa tivo gran acollida nas dúas citas anteriores e que combinará atraccións, zonas lúdicas e deportivas e actividades. En canto ás primeiras, que aumentan respecto á pasada edición e inclúen algunhas novidades, os asistentes poderán desfrutar de saltamontes, pista de coches, dragón, olla, tirachinas, barco de aventuras, inchables, camas elásticas, excalestric, carrusel e pista americana.

A elas sumaranse varias áreas lúdicas, como unha de videoxogos e outra de xogos para os máis pequenos,  e tamén máquinas recreativas, un xadrez xigante, unha exposición de figuras de ciencia ficción ou unha zona deportiva que inclúe pistas de fútbol, baloncesto e tenis, ademais de minigolf e ping pong. Así mesmo, realizaranse diversas actividades, entre elas talleres de maquillaxe e globoflexia e algún espectáculo. Ademais, por primeira vez, contará todos os días coa presenza de distintos personaxes de debuxos animados.

A toda esta oferta, que se irá actualizando na web www.feiragalicia.com/silledapark, engádese a comodidade de celebrarse nun pavillón con gran amplitude,  climatización e  servizo de restauración.

O prezo da entrada será de 5€ (tanto para nenos como para adultos),  podendo acceder a todas as atraccións as veces que se queira. O horario estenderase  en todas as xornadas das 16.30h ás 21.30h.

Máis de 10.000 visitantes na pasada cita

O Silleda Park acadou gran éxito de público na súas dúas edicións, rexistrando na pasada unha afluencia de preto de 10.200 nenos e adultos, o que significou un 25% máis de asistentes. En canto á procedencia dos visitantes, acudiron de máis de 90 concellos diferentes das catro provincias galegas, sendo un 53% de fóra da comarca do Deza (á cal pertence Silleda) e un 45% doutras comarcas distintas ás de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Por outra banda, foi destacable que un total de 13 concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña incluíron o pasado ano no seu programa de Nadal o Silleda Park, participando a través deles máis de mil nenos.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal