As orquestras Panorama, París de Noia e Marbella conformarán o 9 de decembro o magnífico cartel do Closing Tour 2017


Silleda, 3.11.2017.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu  esta mañá a presentación do festival Closing Tour 2017, o cal reunirá o sábado 9 de decembro neste recinto ás aclamadas orquestras Panorama, París de Noia e Marbella.

Durante o acto Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, destacou a consolidación deste evento que vai xa pola súa sexta edición, ao tempo que lembrou os numerosos servizos e facilidades que lle ofrece no recinto o pavillón 1, indicando que este conta co “maior aforo privado de Galicia, de 11.200 persoas”, un “valor que nos sitúa no mercado dos concertos”. Subliñou tamén que “esta área de traballo” que son os concertos “é cada vez máis importante” para a entidade feiral. Así mesmo, agradeceu á organización a aposta polo recinto e o traballo realizado para a celebración do Closing Tour.

Pola súa banda Jorge Silva, da empresa Piñeiro Pub, organizadora do evento, detallou distintos aspectos do mesmo, como o horario e o prezo e datas de venda das entradas. Tamén fixo fincapé en que tras catro anos a orquestra Panorama volve ao festival, ademais de indicar que “a previsión é superar as 5.000 persoas” e que para esta ocasión o aforo máximo fixarase en 8.280 asistentes.

Á presentación tamén acudiron representantes de dúas das agrupacións participantes, Panorama e Marbella. En canto á primeira, Pablo Alonso, produtor, indicou que a orquestra rematará a tempada no Closing Tour, co seu espectáculo completo, tras acadar “gran éxito tanto en Galicia como fóra”, para logo empezar a xira 2018  en abril.

Pola súa banda, Yahel  Amaros e Fernando Bouza, cantantes da orquestra Marbella, recalcaron que os asistentes ao festival poderán ver xa os numerosos cambios da súa nova xira, tanto no escenario como no vestiario, o repertorio e os integrantes. Así, incorpóranse á formación os cantantes Carlos Lage, Naiara González e o propio Fernando Bouza, o teclista Luis Caldas e catro metais, os saxofonistas Esteban Tacón e Isaac Baqueiro e os trompetistas Pablo Cornaglia e Geiro Montas.

Aínda que non puido asistir ningún representante de París de Noia, fixéronlle chegar á organización as principais novidades da vindeira tempada, que estarán listas para o Closing Tour e entre as que figuran a remodelación interior do escenario, con importantes cambios, e cinco novos fichaxes, o batería Daniel Zaldívar, o trompeta Jorge Denis Lopera, o bailarín Boris Yeiko Rodríguez e os cantantes Zeus R.B e Oliver Pérez Escoba.

Closing Tour 2017

Esta sexta edición do evento abrirá as súas portas ás 21.30h e dará comezo en torno ás 22.00h, para rematar sobre ás 07.00h. Serán máis de nove horas de música  nas que cada unha das orquestras realizará un primeiro pase de 1 hora e 45 minutos de duración para logo facer un segundo de 1 hora e 15 minutos.

As entradas para asistir ao evento pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 5€. En prevenda estarán dispoñibles a partir do 20 de novembro e ata o 8 de decembro ás 20.00 horas, cun prezo tamén de 5€ pero que incluirá consumición, sendo posible adquirilas a través da web de Abanca e en distintos puntos de venta físicos que se están a determinar.  Novamente os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto) e o aparcadoiro tamén será de acceso libre.

O festival volverá a contar coas súas excelentes condicións de celebración, como son a climatización do pavillón e os servizos de restauración e roupeiro.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal