A feira Abanca Semana Verde de Galicia volverá a converterse do 7 ao 10 de xuño en referente multisectorial de mostras e ocio


Silleda, 28.9.2017.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 7 ao 10 de xuño a 41ª edición da feira Abanca Semana Verde de Galicia e tamén os seus catro certames paralelos.

Tras celebrar o pasado ano un 40 aniversario no que acadou un importante crecemento, a organización está xa a deseñar unha cita na que se potenciará a diversidade e as novidades que caracterizan cada edición desta feira.

Así, volverá a ofrecer unha proposta con gran atractivo que atraerá novamente a decenas de miles de visitantes, os cales poderán percorrer unha enorme área expositiva con presenza dos máis variados sectores e desfrutar dun amplísimo programa lúdico con actividades para todos os públicos. Unha formulación coa que manterá a súa condición de certame multisectorial de mostras e ocio de referencia no noroeste peninsular.

De forma paralela á 41ª Abanca Semana Verde de Galicia celebrarase o vixésimo segundo Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, consolidado xa como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Nas mesmas datas levarase a cabo a quinta edición da Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, a cal segue sendo o único espazo de converxencia para empresas, profesionais e afeccionados a estas actividades da comunidade galega.

Así mesmo, celebraranse simultaneamente o VIII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a V Feira de Festas de Interese Turístico, Festur. Dúas citas complementarias que volverán a converterse en importantes escaparates ante os profesionais do sector e o público xeral.

Un notorio crecemento

A pasada edición de Abanca Semana Verde de Galicia, que tivo lugar xunto aos seus certames paralelos do 8 a 11 de xuño, acadou un importante incremento tanto en presenza expositiva como en superficie. Así, contou con 637 expositores directos, un 8% máis, que ocuparon 15.243 metros cadrados, un 31% máis, ao tempo que aumentou o seu número de actividades ata superar as 180.  

Uns excelentes resultados aos que se sumaron unha afluencia que superou amplamente as 100.000 persoas e a satisfacción xeralizada de expositores e visitantes. Neste sentido, a maioría de empresas presentes valoraron positivamente o negocio realizado e moitas das que participaran anteriormente consideraron que o aumentaran.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal