A edición máis atractiva e solidaria do Spring Festival reúne mañá ás orquestras Panorama, París de Noia e El Combo Dominicano


Silleda, 19 de maio de 2017.- O Spring Festival reúne mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA a París de Noia, El Combo Dominicano e Panorama, tres das orquestras máis populares do ámbito musical que xuntas converten esta terceira edición do evento na máis atractiva e ambiciosa.

O espectáculo, no que todas as formacións amosarán novidades das súas xiras de 2017, dará comezo ás 22.00 horas, se ben as portas xa se abrirán ás 21.30 horas. Rematará en torno ás 07.00 horas, logo de nove horas de música ininterrompida.

El Combo Dominicano será a orquestra encargada de abrir esta “edición de luxo”, tal e como a cualificou o seu promotor, Jorge Silva. A continuación será a quenda de París de Noia e seguiraa Panorama. Tras estas tres actuacións, que terán unha duración aproximada de 1 hora e 45 minutos cada unha, volverán a actuar as tres formacións na mesma orde e durante 1 hora e 15 minutos por orquestra.

Os tickets para asistir ao Spring Festival 2017 pódense adquirir mañá a partir das 21.00 horas na taquilla do evento cun prezo de 5€. De forma anticipada aínda é posible compralos ata hoxe venres ás 13.00 horas na web de Abanca (entradas.abanca.com) e tamén nos puntos de venta físicos ata as 20.00 horas desta tarde, cun custe tamén de 5€ pero con dereito a consumición.

O Spring Festival contará con todas as comodidades que ofrece o pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, que permitirá aos asistentes desfrutar do espectáculo nun espazo pechado de grandes dimensións e con servizos de restauración e gardarroupa no interior.

A favor de Aranes

Dende esta edición o festival ten carácter social, estando previsto que cada ano se dedique a un colectivo con necesidades específicas. Nesta ocasión é a favor da Asociación de Rapaces e Amigos con Necesidades Especiais (Aranes), de Lalín, que recibiu onte de mans da organización unha achega económica de 1.500€ e para a cal se estableceu unha Fila Cero (ES-6520800503913040030675 - Abanca).

Así mesmo, dentro desta colaboración solidaria, Aranes contará mañá no pavillón no que se desenvolve o Spring Festival cun posto no que os asistentes poderán informarse,  facerse socios e tamén aportar doazóns.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal