EQUINA 2017 ponse en marcha mañá coa entrada de exemplares, inspeccións veterinarias e adestramentos


Silleda, 14-6-2017.- O evento ecuestre Equina 2017 ponse en marcha mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA coa entrada de exemplares participantes, inspeccións veterinarias e adestramentos.

Así, dende ás 10.00 horas empezarán a acceder ao recinto os cabalos de pura raza española que competirán nos distintos campionatos desta edición do evento, para ocupar o seu lugar nas caballerizas, someterse ás inspeccións veterinarias que realizará o xurado de admisión do evento e tamén realizar quecementos e probas que teñen como obxectivo que os exemplares se adapten ao terreo e o entorno no que competirán.

Será o venres cando dean comezo as competicións, coa posta en marcha do III Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, eixo central do evento e consistente nunha proba morfofuncional na que se valorará tanto a morfoloxía dos exemplares participantes como os seus movementos. Este concurso, que terá lugar no ring hípico do recinto feiral, será clasificatorio para a final do Campionato de España que se celebrará no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB), en Sevilla.

Equina 2017, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), acollerá tamén a XIX Copa Accega de Doma Clásica, que terá lugar o sábado, e a II Copa Indoor de Enganches de Galicia, que se desenvolverá o domingo. A estas probas uniranse un poni club para os máis pequenos, tanto sábado como domingo.

Presenza de ANCCE

Por outra banda, dende o venres a Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE) estará presente por primeira vez en Equina cun stand promocional, sendo un dos seis únicos concursos morfolóxicos nos que o fará este ano. Os restantes serán os de Jerez de la Frontera, Badajoz, Reus, Segovia e Armilla.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal