O festival Closing Tour volverá a ser cita obrigada o 7 de decembro con doce horas de música de man de París de Noia, Cinema, Marbella e Tekila


Silleda, 3 de novembro de 2016.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu  esta mañá a presentación do festival Closing Tour 2016, o cal reunirá o mércores 7 de decembro (véspera de festivo) neste recinto feiral ás populares agrupacións París de Noia, Cinema, Marbella e Tekila.

Durante o acto Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, expresou a súa “máxima satisfacción“ porque este festival se vaia “consolidando ano tras ano”, ao tempo que indicou que será un dos catro eventos que se celebrarán no recinto ata que acabe o ano. Pola súa banda, Jorge Silva, da empresa Piñeiro Pub, organizadora do evento, detallou os distintos aspectos do mesmo. Ademais, fixo fincapé nalgunhas das novidades coas que contará o Closing Tour e destacou as “orquestras de primeira liña” que participarán, coas cales espera que a afluencia sexa “igual ou superior á do ano pasado”.

Á presentación tamén acudiron representantes de tres das agrupacións participantes.  José Antonio Blas, vocalista de París de Noia, cualificou o Closing Tour como “un evento moi especial” nun “recinto inmellorable” no que participan dende a primeira edición, ademais de explicar que a orquestra levará  ao festival o espectáculo que ofreceron en 2016 pero incorporando xa algunhas novidades da vindeira tempada.

Por outra banda, Nicolás Marrero, da orquestra Marbella, destacou o Closing Tour como un dos “festivais máis importantes de Galicia”, mentres que César Romero, vocalista de Cinema, o comparou coa “Champions League” e indicou que ofrecerán xa nel sorpresas do seu novo espectáculo.

Aínda que non puideron asistir á presentación, o grupo asturiano Tekila, que acude por primeira vez, quixo destacar aos organizadores a través do seu compoñente Roberto Díaz  o “gran escaparate” que supón para eles este evento, xa que aínda que en Asturias contan con gran popularidade, sendo a agrupación que máis actuacións fai na comunidade, queren aumentar a súa presenza en Galicia

O evento

O Closing Tour 2016, que volverá a ter lugar no pavillón 1 do recinto, abrirá as súas portas ás 20.00h e dará comezo en torno ás 20.15h para rematar ás 08.00h. Contará así cunha duración de case 12 horas, o cal supón unha das novidades desta edición ao ampliarse en 2 horas respecto ás pasadas convocatorias.

As entradas para asistir ao evento pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 10€. Tamén estarán dispoñibles a partir do 14 de novembro de forma anticipada, cun prezo de 5€ en distintos puntos de venta físicos que se establecerán nos vindeiros días e de 5€ máis gastos de xestión a través da páxina web de Abanca. Uns prezos que suporán unha redución dun euro no prezo da entrada en prevenda respecto á pasada edición, co obxectivo de incentivar a venta anticipada. Os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto) e o aparcadoiro tamén será de acceso libre.

Por outra banda, o festival incorporará nesta edición catro liñas de autobús para acudir ao evento, sempre que haxa demanda para elas. Estas partirán de Santiago de Compostela, A Estrada, Vila de Cruces e Rodeiro, facendo paradas en múltiples lugares ata chegar a Silleda, as cales estarán detalladas na páxina web e redes sociais do evento.

O festival volverá a contar coas súas excelentes condicións de celebración, como son a climatización do pavillón e os servizos de restauración e roupeiro.Toda a información pódese coñecer en www.closingtour.com.

O Closing Tour  é xa unha cita obrigada para os afeccionados á música de orquestra, por ser un evento con características únicas en Galicia que permite aos asistentes desfrutar do espectáculo nunha ubicación interior inmellorable e con multitude de comodidades.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal