Tecnoloxía, intelixencia artificial e lecer dixital únense de novo do 9 ao 11 de outubro na XGN Intermax 2026

Silleda, 29 de xullo de 2026.- A XGN Intermax volverá unir as novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital do 9 ao 11 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Será a 26ª edición desta cita, que é a maior lanparty de Galicia e reúne cada ano a centos de profesionais e afeccionados.

O evento contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.

En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para inscritos desde o día 9 ata o 11 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 8 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet, poderase acceder o 9 e 10 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.

Formación, aprendizaxe, entretemento e intercambio de ideas uniranse unha vez máis nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto en 2024, os participantes poderán navegar por terceira vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento.

Un programa repleto de experiencias e retos

Esta cita tecnolóxica volverá contado cun programa moi variado tanto para inscritos como para visitantes, con competicións, obradoiros e conferencias centrados en novas tecnoloxías, intelixencia artificial ou gaming. Ademais, haberá interesantes actividades máis aló da pantalla, con divertidas propostas de xogos e deportes.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal