
O evento contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para inscritos desde o día 9 ata o 11 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 8 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet, poderase acceder o 9 e 10 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.
Formación, aprendizaxe, entretemento e intercambio de ideas uniranse unha vez máis nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto en 2024, os participantes poderán navegar por terceira vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento.
Un programa repleto de experiencias e retos
Esta cita tecnolóxica volverá contado cun programa moi variado tanto para inscritos como para visitantes, con competicións, obradoiros e conferencias centrados en novas tecnoloxías, intelixencia artificial ou gaming. Ademais, haberá interesantes actividades máis aló da pantalla, con divertidas propostas de xogos e deportes.





