A feira forestal Galiforest Abanca celebra dende mañá unha edición de récord con 180 firmas, 9.500 metros e un centenar de demostracións de maquinaria


Silleda, 29 de xuño de 2016.- O IV Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, Galiforest Abanca 2016, que se celebrará dende mañá ata o vindeiro sábado no monte e  instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), contará coa presenza de 180 firmas expositoras de 18 países, das cales 56 serán expositores directos e 124 serán indirectos representados por estes. Unha participación que supón un 34% máis de firmas que na pasada edición, cando foran 134, e un 27% máis de expositores directos, xa que en 2014 eran 44. Estas empresas ocuparán unha superficie neta de 9.578 m² (aos metros que xa se pecharan súmanse os ampliados por dous dos expositores participantes), o cal supón un 70% máis que na anterior convocatoria, cando foran 5.639 m².

Estas cifras, que tamén superan amplamente as das súas outras convocatorias,  converten a Galiforest Abanca 2016 na maior edición celebrada ata o momento tanto en superficie expositiva como en número de empresas e firmas presentes, ademais de supoñer un importante paso para constituírse como a principal feira do sector forestal de España.

Galiforest Abanca 2016, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA, unirá así un gran espazo expositivo e un completo programa de actividades. Unha conxugación que converterá á feira nun centro de negocio forestal, un escaparate das últimas novidades e un foro para a posta en común e a análise da realidade sectorial.

Todo isto na mellor localización posible, o monte, o  que constitúe un dos principais atractivos do certame e a razón de organizalo fóra do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, xa que permite aos expositores realizar demostracións da maquinara exposta e aos visitantes ver  o seu funcionamento. E elo sen renunciar á comodidade, xa que este monte está moi ben comunicado e conta con fácil  acceso e excelentes infraestruturas e servizos, entre elas aparcadoiros e edificacións para xornadas.

A exposición de Galiforest Abanca contará con moitas das máis importantes firmas en explotación forestal, primeira transformación e aproveitamento da biomasa, que respaldan así unha feira que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e a súa dirección xeral de Ordenación e Produción Forestal

Estas empresas amosarán unha gran variedade e numerosas novidades en maquinaria forestal, repostos, accesorios e sistemas, ademais de servizos e plantas forestais.

Demostracións, xornadas e entrevistas

Ao amplo espazo expositivo do monográfico unirase un interesante programa cuxas actividades estarán dirixidas ou contarán coa intervención de máis de 70 expertos de distintos ámbitos relacionados co sector forestal. Entre elas terán un lugar destacado as máis de 100 demostracións de maquinaria que se levarán a cabo durante a feira, realizadas por parte das máquinas expostas, entre outras, procesadoras forestais e de leña, tractores, astilladoras, escavadoras, autocargadores, debrozadoras e robots de desbrozado, raxadoras de leña, aserradoiros portátiles, astilladoras de biomasa, descortezadoras, trituradoras, fresadoras de solo, destoconadoras ou discos subsoladores, ademais doutras demostracións de rescate aéreo, afiado de motoserras e de manexo destas máquinas.

Ademais destas demostracións, levaranse a cabo outras de carácter lúdico, de figurismo (elaboración de esculturas en madeira con motoserra) e tamén do coñecido como deporte da madeira, sendo estas últimas realizadas por competidores oficiais que desenvolverán todas as súas modalidades, entre elas corte de tronco en vertical, con velocidade ou en altura. A elas sumaranse exhibicións nas que tamén poden participar os visitantes, as cales incluirán competicións e a posibilidade de probar motoserras.

Tamén terán un papel importante as xornadas técnicas, as cales acollerán máis de vinte conferencias de gran interese para o sector. Estas abordarán, entre outros temas, a ordenación e protección forestal,  a xestión forestal, certificación FSC e innovación, a formación, investigación e transferencia no sector, a produción da castaña de calidade e a I.X.P Castaña de Galicia, o Plan Forestal de Galicia e as directrices acadadas para a súa revisión, a importancia da cadea de valor, a seguridade con motoserra e desbrozadora, o programa de formación-certificación para traballadores forestais cualificados PFC-IMQ ou o mercado laboral transfronteirizo e desafíos no sector forestal na Eurrorexión Galicia-Norte de Portugal.

A feira acollerá ademais diversas presentacións, entre elas de proxectos galegos, algúns que son aínda unha idea, como a Asociación Galega de Leñadores, e outros postos en marcha recentemente, como unha plataforma online de compra-venda de lotes de madeira entre propietarios forestais e empresas que non fai necesario o contacto directo entre ambas partes para ver as plantacións e permite realizar puxas.

Por outra banda, por primeira vez o certame celebrará o Job Day Forestal, cuxo obxectivo é fomentar o emprego transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal no sector forestal e que consistirá na realización de reunións entre empresas forestais con previsións de contratación a curto prazo e profesionais tamén deste territorio con diversos perfís que queiran optar aos postos de traballo ofertados.

Concurso de Innovación

Galiforest Abanca 2016, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebrará de novo o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal se presentan 10 proxectos que serán avaliados mañá no certame por un xurado formado por expertos pertencentes a distintos ámbitos. Premiaranse aquelas novidades que destaquen por aportar melloras ao sector forestal e optimizar os seus recursos.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal