Equina 2016 arrancou hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA con parte das seccións do II Campionato de España de Pura Raza Española


Silleda, 17 de xuño de 2016.- O evento ecuestre Equina 2016, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Federación Hípica Galega e a Fundación Semana Verde de Galicia, comezou hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA cos xulgamentos dalgunhas das seccións do II Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE Galicia, un concurso morfofuncional  que é o eixo central desta cita.

Así, esta mañá competiron as poldras e poldros de un e dous anos, e xa pola tarde farano os de tres anos e tamén os cabalos de catro a máis de sete anos.  Mañá sábado desenvolveranse as seccións de eguas de catro a máis de sete anos e cabalos castrados, ademais de levarse a cabo as probas de funcionalidade de todas as seccións de machos adultos. Xa o domingo pola mañá competirán as cobras de tres eguas (tres eguas enlazadas) e tamén se disputarán os premios especiais.

Neste concurso, clasificatorio para a final do campionato do mundo, competirán ao longo dos tres días 160 exemplares de numerosos puntos da comunidade galega e tamén de Toledo, Madrid, Segovia, Ávila, Salamanca, Valladolid, León, Cantabria, Asturias, Zamora e Badaxoz.

I Concurso de Enganches Open-Indoor de Galicia

Ademais do II Campionato de España de Pura Raza Española-ANCCE Galicia, Equina 2016 acollerá mañá pola tarde o I Concurso de Enganches Open-Indoor de Galicia, a cal será a primeira proba de Enganches que se celebra na comunidade.

Competirán 12 equipos das catro provincias galegas nas categorías de Limonera, cun cabalo, e Tronco, con dous cabalos. Os participantes, que deben facer o percorrido no menor tempo posible sen tocar os obstáculos dispostos na pista, disputarán dúas mangas.

A estas dúas probas sumarase no programa de Equina 2016 a XVIII Copa ACCEGA de Doma Clásica, na que está prevista a participación de máis de 40 binomios (cabalo e xinete ou amazona). Será o domingo, comezando a media mañá e rematando pola tarde. Desenvolveranse probas en practicamente todos os niveis, dende o 1, no que compiten os máis pequenos, ata o San Jorge, considerado de alta competición.

Así mesmo, o programa incluirá algunhas exhibicións tanto con cabalos de pura raza española como con enganches, ademais de bautismo hípico. Esta última actividade, coñecida como Poni Club, levarase a cabo coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Silleda durante as tardes do sábado e o domingo e dirixirase aos nenos dos centros escolares do municipio.

Estas actividades de Equina 2016, ás que concorren máis de 200 exemplares de distintos puntos de España, compleméntanse coa presenza dalgunhas empresas de guarnicionería e roupa, ademais de servizo de restauración.

A entrada ao evento é gratuíta, sendo tamén libre o acceso aos aparcadoiros do recinto habilitados para esta ocasión.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal