A 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia refórzase coa colaboración de ACEGA


Silleda, 6 de xuño de 2016.- A directora xerente de Autopista Central Gallega  Española (ACEGA), Carlota Sánchez González, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán Rodríguez, veñen de asinar un acordo de colaboración entre ámbalas dúas entidades.

O convenio ten como obxectivo unha colaboración mutua de promoción, na que ACEGA distribuirá en tódolos seus puntos de peaxe folletos informativos relativos ás actividades da Fundación Semana Verde de Galicia, a cal xa se está facendo efectiva para a 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebrará do 9 ao 12 de xuño. Pola súa banda a Fundación incluirá á concesionaria da autoestrada entre os patrocinadores dos eventos acordados e relacionados coa Fundación.

O devandito acordo terá vixencia ata 2018, con posibilidade de prórroga se as dúas entidades así o considerasen.

Carlota Sánchez González destacou que os eventos do recinto cada vez teñen máis incidencia no tráfico da autoestrada, segundo a Fundación vai aumentando e diversificando a súa actividade, e que a colaboración mutua vai intensificar esa relevancia, o que redundará en beneficio de ámbalas dúas entidades.

Por parte da Fundación,  Ricardo Durán subliñou a vantaxe competitiva que para o recinto supuxo o desfrutar, grazas á AP-53, dunhas perfectas comunicacións con toda Galicia, que reforza a propia virtude do recinto de situarse  no centro xeográfico da nosa Comunidade, ademais de supoñer unha forma máis rápida e segura de trasladarse fronte a calquera outra vía de comunicación alternativa.

Grazas a este acordo as actividades da Fundación Semana Verde de Galicia poderán chegar directamente aos miles de usuarios que diariamente transitan pola AP-53. Unha importante difusión, tendo en conta que a circulación pola autoestrada cífrase nuns 5.600 vehículos diarios aproximadamente.

Así mesmo,  ACEGA terá visibilidade entre os miles de visitantes e usuarios do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, como tamén en distintos soportes da entidade feiral.

ACEGA

A Autoestrada Santiago de Compostela-Ourense representa unha vía de alta capacidade que constitúe o eixo central de comunicacións entre Santiago e Ourense, facilitando a comunicación entre os principais núcleos de poboación da área xeográfica atravesada.

ACEGA é a concesión administrativa para a construción e explotación da autoestrada de peaxe Santiago de Compostela - Alto de Santo Domingo durante un período de 75 anos.

A lonxitude da vía ascende a 56,6 km. No ano 2005 iniciou a súa explotación.
A intensidade media diaria de tráfico en 2015 foi de 5.287 vehículos.

www.acega.es
www.globalvia.com
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal