O Spring Festival 2016 reunirá o 18 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA a Camela e ás orquestras La Nueva Phila, Olympus e Ciclón


    • AS ENTRADAS PODERÁN ADQUIRIRSE EN TAQUILLA OU DE FORMA ANTICIPADA A PARTIR DO VINDEIRO MARTES 23 DE FEBREIRO TANTO A TRAVÉS DA PÁXINA WEB DE ABANCA COMO EN PUNTOS DE VENTA FÍSICOS

Silleda, 19 de febreiro de 2016.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu esta mañá a presentación do evento musical Spring Festival 2016, o cal reunirá o vindeiro día 18 de marzo a Camela e ás orquestras La Nueva Phila, Olympus e Ciclón.

Na presentación participou Jorge Silva, un dos seus promotores, quen detallou aspectos como os horarios ou o custe das entradas do festival, sobre o cal apuntou que “esta segunda edición deu un salto cualitativo” para atraer o máximo número de público. Neste sentido indicou que quixeron contar cun grupo “a nivel nacional”, como é Camela, para “ter máis alcance”.

Tamén acudiron ao acto representantes das orquestras participantes, todos eles cantantes. Así, por parte de La Nueva Phila, que fai a súa presentación no Spring Festival, acudiu David Balboa, quen destacou que son “catorce artistas moi coñecidos da verbena que inician un novo proxecto”, mentres que por Olympus fíxoo Peke, que trasladou a ilusión da orquestra respecto a este evento por dous motivos, por ser “a primeira vez que tocan no recinto feiral”, sendo ademais nun “evento con catro formacións e unha actuación a nivel nacional”, e  porque no festival van a realizar un “preestreno” do seu novo espectáculo. Do grupo Ciclón participou Noelia García, quen subliñou que eles empezan a temporada no Spring Festival “con cambios e ganas de dalo todo”, ademais de destacar as outras dúas orquestras participantes e cualificar de “opción impresionante” a participación de Camela.

Por outra banda Ricardo Durán, director do recinto feiral, agradeceu aos organizadores “ter confiado unha vez máis na Feira Internacional de Galicia ABANCA para facer este festival”, ao que engadiu que as instalacións “están demostrando que son a ubicación idónea, por localización, por ter posiblemente o maior aforo interior de Galicia, para 11.200 persoas, e por aparcadoiros”. Así mesmo, subliñou a calidade das agrupacións participantes nesta cita musical.

Spring Festival 2016

O Spring Festival, que está organizado pola empresa Piñeiro Paz, abrirá a súas portas ás 21.00 horas e pecharaas ás 07.00 horas. O evento iniciarase sobre as 21.30 horas con Ciclón, para continuar logo con La Nueva Phila. Ás 00.30 horas actuará Camela, para seguir con Ciclón, Olympus, La Nueva Phila e de novo Olympus, que pechará o festival.

As entradas para asistir ao Spring Festival pódense adquirir o mesmo día do evento en taquilla cun prezo de 9€. Tamén estarán dispoñibles a partir do vindeiro martes 23 de febreiro de forma anticipada, cun prezo de 7€ en distintos puntos de venta físicos que se están a establecer, e de 7€ máis gastos de xestión a través da páxina web de Abanca. Os nenos menores de 12 anos poderán entrar sen pagar (acompañados dun adulto) e o aparcadoiro tamén será gratuíto.

O festival contará con todas as comodidades que ofrece o pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, que permitirá aos asistentes desfrutar do espectáculo nun espazo pechado de grandes dimensións e climatizado. Ademais, disporá de servizo de restauración e gardarroupa no interior.

O Spring Festival 2016 é a segunda edición dunha cita que pretende ter continuidade e seguir celebrando convocatorias no recinto feiral.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal