Trátase da terceira edición deste evento con características únicas na Comunidade
• AS ENTRADAS PODERANSE ADQUIRIR DE FORMA ANTICIPADA NA WEB DE ABANCA, NO RECINTO DENDE O DÍA 8 DE NOVEMBRO E NOUTROS PUNTOS DE VENTA FÍSICOS QUE SE ESTÁN A DEFINIR, OU O MESMO DÍA DO FESTIVAL NA TAQUILLA
Silleda, 30 de outubro de 2014.- A Feira Internacional de Galicia celebrará o domingo 7 de decembro (véspera de festivo) a terceira edición do seu festival de orquestras, o Closing Tour 2014, o cal reunirá no pavillón 1 do recinto feiral a tres das mellores formacións do panorama musical, como son París de Noia, Charleston Big Band e Combo Dominicano.
O evento dará comezo ás 21.00 horas co picadiscos David Expósito, alternándose a continuación as tres orquestras participantes e rematando cunha nova actuación do Dj. Deste modo os asistentes desfrutarán de máis de 9 horas de música.
As entradas para asistir ao Closing Tour 2014 pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 7€. Tamén de forma anticipada por 5€, o que suporía un desconto de máis dun 28%, no recinto Feira Internacional de Galicia xa o día 8 de novembro no Festival contra el Cáncer, na web de Abanca e noutros puntos de venta físicos que se están a definir.Os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto), sendo libre o acceso ao aparcadoiro do recinto.
Os puntos de ventas que se vaian incorporando e as novidades do festival poderanse coñecer na web do evento, www.closingtour.com.
Un evento con características únicas
Este festival de orquestras, que xa é unha cita obrigada tanto para os fans das agrupacións participantes como para todos os afeccionados a este tipo de música, é un evento único na Comunidade polas súas características, xa que permite aos asistentes desfrutar das actuacións das orquestras nos seus propios escenarios e nun espazo totalmente climatizado, contando ademais con todo tipo de servizos e comodidades, como restauración ou roupeiro.