Foron case 6 horas de música sen interrupción
• ILUMINACIÓN E PANTALLAS LED DE ÚLTIMA XERACIÓN, A INCORPORACIÓN DUNHA TERCEIRA VOZ FEMININA E CANCIÓNS NOVAS NO SEU REPERTORIO FORON ALGUNHAS DAS NOVIDADES QUE COÑECERON OS ASISTENTES
Silleda, 9 de marzo de 2014.- Preto de 4.000 persoas acudiron onte ao pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia para desfrutar da presentación da xira 2014 da orquestra Panorama, a Space Tour, a cal se prolongou durante case 6 horas.
O evento, cuxa entrada foi gratuíta, comezou pasadas as 23.00 horas coa actuación do grupo Triunfo, que acompañou a Panorama neste inicio da súa nova tempada. A continuación foi a quenda do conxunto protagonista, que iniciou o seu espectáculo en torno á 1.45 horas, amosando aos asistentes as novidades desta xira.
A Iluminación e pantallas Led de última xeración e a introdución dun láser, o primeiro nunha orquestra en Galicia, foron algunhas das innovacións que puido descubrir o público en canto ao deseño do escenario, mentres que sobre os compoñentes comprobaron a incorporación dunha terceira voz feminina e dunha performance, e tamén o cambio de batería. Respecto ao repertorio, escoitáronse numerosas cancións novas, como “Story of my life”, do grupo One Direction; “Timber”, do rapeiro Pitbull; ou “Vida”, a canción oficial do Mundial de Brasil 2014 creada polo artista Elijah King e interpretada por Ricky Martin.
As novidades nesta presentación tamén estiveron referidas á propia actividade da orquestra para este ano. Así, Lito Garrido, voz principal, desvelou ás persoas que acudiron as datas da “Gala contra o Cancro” que leva a cabo todos os anos a agrupación, que será o 2 de maio, e a do lanzamento do seu proxecto discográfico, que terá lugar na primeira quincena de xuño.
Para rematar o evento, tras a actuación de Panorama levouse a cabo unha sesión de música disco que se prolongou ata preto das 5.00 horas
Este evento enmarcouse nun convenio subscrito pola Fundación Semana Verde de Galicia e a orquestra Panorama polo cal esta última comezará e rematará as súas xiras no recinto feiral durante 4 anos. No caso do seu peche de tempada será no festival de orquestras Closing Tour, o cal se celebra en decembro.