Esta sexta edición do monográfico volverá converter ao recinto Feira Internacional de Galicia nun referente para o sector
- • SERÁ INAUGURADO ÁS 12.30 HORAS POLO VICEPRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, ALFONSO RUEDA, QUEN ESTARÁ ACOMPAÑADO DA CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL E DO MAR, ROSA QUINTANA
• O SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES ACOLLERÁ PRESENTACIÓNS, EXPOSICIÓNS, O SEU CONCURSO DE MÁQUINAS DESTACADAS, SORTEOS E XORNADAS CENTRADAS EN TEMAS DE GRAN INTERESE E ACTUALIDADE PARA OS PROFESIONAIS
Silleda, 27 de febreiro de 2013.- O VI Certame Internacional de Maquinaria Agrícola, Cimag 2013, o cal se celebrará na Feira Internacional de Galicia dende mañá xoves e ata o sábado 2 de marzo, contará coa presenza de 212 firmas expositoras de 16 países, das cales 78 serán expositores directos e 134 indirectos.
A inauguración oficial, que terá lugar mañá ás 12.30 horas, correrá a cargo do Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, quen estará acompañado da Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Pedro Corbacho, e doutras autoridades.
Recoñecido tras cinco edicións como un referente tanto para os diversos axentes do sector da maquinaria agrícola como para os profesionais do sector primario, este monográfico constituirá durante tres días un efectivo espazo de negocio, un completo escaparate de maquinaria e un foro para a transferencia de coñecementos.
Na súa área expositiva moitas das firmas máis importantes a nivel nacional e internacional amosarán as súas gamas de produtos e os seus últimos lanzamentos ao mercado, podéndose ver unha gran variedade de tractores e motocultores, maquinaria para recolección e post-colleita, para explotacións gandeiras, para preparación de solo, semente, plantación e abonado, e para protección de cultivos, así como outros equipos, compoñentes e accesorios.
Xornadas, exposicións e sorteos
Ademais do parque expositivo, o certame contará cun interesante programa de actividades que o converterán nun espazo para o intercambio de ideas e a análise da actualidade. Así, acollerá diversas xornadas técnicas sobre temas de gran interese, como as “Reflexións sobre o mercado da maquinaria agrícola en Galicia”, na que Luis Márquez, recoñecido enxeñeiro agrónomo que na actualidade é presidente de AENOR/CTN 68 “Tractores y maquinaria agrícola”, analizará a evolución deste mercado, as súas dimensións actuais e a demanda existente na comunidade, ademais de falar das vantaxes e desvantaxes da compra de tractores usados.
Márquez tamén expoñerá noutra xornada as “Normas para a circulación vial de tractores e máquinas agrícolas: as ITVs e reformas de importancia”, na cal dará resposta ás consultas de fabricantes e usuarios en todo o relacionado coa circulación vial, especialmente coas normas dos enganches e as reformas que se esixen fronte ás realizadas por usuarios e talleres sobre as máquinas inscritas.
Por outra banda, Javier Tubío Romay, técnico de SEAGA, falará sobre a “Inspección dos equipos de aplicación de fitosanitarios en Galicia”. Así, presentará o proxecto de decreto que se está a desenvolver en Galicia para regular as inspeccións destes equipos, que atinxirá a 20.000 máquinas e que segundo as directivas europeas será de obrigado cumprimento, cun prazo límite de tres anos.
Nesta xornada, organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar, tamén estarán presentes Mercedes Espasandín Lois, xefa de sección do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, e Fernando Coduras Orera, xefe de área de Sanidade Vexetal
No marco do certame tamén terá lugar unha exposición de maquinaria clásica que permitirá aos visitantes achegarse aos inicios e consolidación da mecanización agraria, a cal estará composta por 10 pezas entre a que se encontran tractores de marcas xa desaparecidas como Barreiros, o primeiro tractores diesel dalgunha marca presente na feira, algún tractor fabricado só durante un ano, unha empacadora innovadora no seu momento ou un motor fabricado en Coruña en 1903. A esta sumarase outra exposición composta polas fotografías e fichas técnicas das innovacións presentadas ao Concurso de Máquinas Destacadas, as cales se poderán ver in situ no seu stand correspondente.
Por outra banda, o salón levará a cabo por primeira vez numerosos sorteos, co obxectivo de premiar a presenza dos visitantes. Así, sortearase unha novilla valorada en 2.800€, motoserras, unha desbrozadora, vales de compra, fundas para asentos, un rotativo magnético, tractores de pedais e tamén maquetas de tractores.
Concurso de Máquinas Destacadas
No marco de Cimag 2013 tamén se celebrará o VI Concurso de Máquinas Destacadas, dirixido a premiar a maquinaria exposta que destaca polos seus avances en deseño, prestacións e calidade de traballo, así como pola súa especial idoneidade para a agricultura que se practica no noroeste peninsular. Nesta ocasión foron admitidas a concurso 16 das 25 innovacións presentadas inicialmente.
Estas innovacións, que pertencen a 14 firmas nacionais e internacionais, inclúen catro rotoempacadoras, dúas sementadoras, dúas manipuladoras telescópicas, un tractor, un xerador híbrido, un pulverizador autopropulsado, unha colleitadora de forraxe, un arado de vertedoiro, un esparexedor de esterco, unha cisterna para o xurro e un sistema para picadoras de forraxe. Estas máquinas e sistemas serán xulgadas hoxe pola tarde, mentres que a entrega de premios será mañá.
Todos estes elementos de Cimag 2013 permitiranlle revalidar o seu posicionamento como referente do sector na Península Ibérica, no que fabricantes, importadores, distribuidores e profesionais teñen unha cita ineludible.