Tiveron lugar onte e hoxe pola mañá no marco da Bolsa de Contratación Turística da feira, que remata mañá domingo
- ESTAS CIFRAS DE ENCONTROS E PARTICIPANTES CONVERTEN Á BOLSA NA MAIOR DO NOROESTE PENINSULAR
- ESTA TARDE E MAÑÁ OS OPERADORES PARTICIPARÁN EN 3 VIAXES DE FAMILIARIZACIÓN EN DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA
Silleda, 23 de febreiro de 2013.- O III Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2013, o cal se celebra dende onte e ata mañá domingo no recinto Feira Internacional de Galicia, acolleu na súa Bolsa de Contratación Turística máis de 4.500 reunións de negocio entre os expositores da feira e os turoperadores invitados.
En total participaron 70 turoperadores de 22 países, cifra lixeiramente inferior aos confirmados inicialmente debido á folga de Iberia, que impediu viaxar a algúns deles para participar na Bolsa. Os países de procedencia dos turoperadores foron Alemaña, Arxentina, Austria, EE.UU, España, Finlandia, Francia, Holanda, Hungría, Xapón, India, Italia, México, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, República de Corea, Romanía, Suecia e Uruguai.
Das reunións de negocio 2.700 foron celebradas onte, mentres que na mañá de hoxe tiveron lugar máis 1.800. Sobre estes encontros moitos turoperadores afirmaron ter coñecido propostas de gran interese que estudiarían para incluír nos seus paquetes turísticos. Un resultado que ten moito que ver coa planificación que se realiza dende a organización, a cal axenda as reunións en función dos intereses de ambas partes, expositores e turoperadores, para conseguir a máxima efectividade.
No marco da Bolsa de Contratación participaron ademais 28 tradutores, co propósito de facilitar a comunicación naqueles casos nos que os interlocutores non falaban o mesmo idioma.
Viaxes de Familiarización
Unha vez rematados os encontros de negocio a maioría de turoperadores formarán parte dalgunha das viaxes de familiarización organizadas pola Bolsa de Contratación, as cales teñen lugar hoxe pola tarde e mañá. Así, repartiranse entre as viaxes denominadas Fisterra “O Fin da Terra”-Turismo Mariñeiro-Camiño de Santiago, Rías Baixas-O Salnés e Vigo-Baiona-Nigrán.
Cea ecolóxica e queimada
Máis de 60 turoperadores dos 70 invitados á Bolsa de Contratación do salón participaron onte unha cea no Fogar do Santiso (Teo). Considerado un “tour gastronómico” con produtos ecolóxicos, o menú foi a base de carnes autóctonas e produtos de tempada procedentes da horta.
A cea, amenizada con música galega en vivo, rematou cun espectáculo de queimada, que contou con gran aceptación entre os turoperadores, especialmente os estranxeiros. Algúns destes xa amosaron aos responsables do local o seu interese en engadilos ás súas propostas.
Ademais, os operadores visitaron o espazo de bioconstrución do establecemento, onde reciclan os seus residuos, e as súas hortas.
Máis fotos da feira en http://turexpogalicia.com/fotos