A informática, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico volven á XGN Intermax do 10 ao 12 de outubro

Silleda, 13 de xuño de 2025.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA volverá reunir a profesionais e afeccionados á informática e as novas tecnoloxías do 10 ao 12 de outubro. Será na 25ª edición da maior lanparty galega, a XGN Intermax.

Este evento contará de novo coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, as cales se situarán nos dous pavillóns principais do recinto, con 10.000 metros cadrados cada un deles. En canto á primeira, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.

Formación, intercambio de experiencias e entretemento volverán ser os eixos desta edición de 2025, que conta co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, e dende o ano pasado con Intermax Technology como patrocinador oficial. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technología no evento.

A organización xa está a deseñar a cita, que continúa tendo como obxectivo converterse na segunda lanparty a nivel nacional.

Lecer e aprendizaxe no seu programa

A XGN Intermax contará de novo cun programa de actividades moi variado tanto para os inscritos como para os visitantes que acudan á Extranet, o cal busca tanto a aprendizaxe como o entretemento.

Novidades e propostas xa habituais que contan con gran éxito todos os anos uniranse nunha programación que incluirá competicións, talleres, conferencias, actividades de realidade virtual e tamén os xogos máis diversos.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal