A feira Abanca Cimag-GandAgro 2025 arrincou hoxe co presente e o futuro do sector agropecuario como protagonista

Silleda, 20 de febreiro de 2025- A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, abriu esta mañá as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), coa presenza de 508 firmas expositoras e un completo programa de actividades.

En canto ás firmas, que supoñen un 20% máis que na pasada edición, están representadas por 174 expositores directos, mentres que os 334 restantes son marcas representadas. En canto aos expositores directos, que proceden de España, Italia, Portugal, Países Baixos e Austria, suman un 3,5% máis que na anterior convocatoria e ocupan unha superficie neta de 11.648 metros cadrados.

Aínda que a feira comezou hoxe, o acto oficial de inauguración terá lugar mañá ás 12.30 horas, presidido pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.

En canto ao seu programa de actividades, esta mañá poñíase en marcha cunha xornada informativa e formativa para a incorporación de mozas e novos agricultores ao rural, organizada pola Consellería do Medio Rural que foi inaugurada polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Comezou expoñendo os principais fitos na execución do Plan Empresarial e a xustificación das axudas, de man de Pablo Gómez, xefe de servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, para abordar a continuación a importancia dos seguros agrarios, a cargo do director territorial da Rexión Norte de Agroseguro. Para finalizar, Víctor Novo, xefe de servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería, explicou a situación actual da regulamentación no sector agrario, o caderno de explotación e a ferramenta informática da Consellería.

Ademais, a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), desenvolveu tres xornadas, sobre reaproveitamento de subprodutos agrogandeiros para o impulso da economía circular, innovación no sector agrícola para mitigar os efectos do cambio climático e estratexias innovadoras no sector vitivinícola.

Así mesmo, houbo presentacións, como a de resultados e concesionarios para Galicia do Grupo Agco, e a do primeiro cebo pulverizable listo para usar que permite un control rápido e efectivo de moscas. Súmanse ao longo do día a demostración de aplicacións aéreas con drons sobre cultivos e varias “Experiencias de Calidade” da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), as cales son sesións gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade dirixidas polo chef Marcos Arufe. Hoxe foi a quenda das sesións “Castaña de Galicia”, “A mellor carne do mundo”, “Irmáns de Leite” e “Lacón Gallego”.

Concursos de Innovación

Esta tarde fállanse e entréganse os premios á innovación da feira, o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas Cimag, os cales recoñecerán as novidades que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos.

Nesta edición dos concursos concorren 36 interesantes innovacións presentadas por 27 empresas.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal