Enerxétika e ExpoMunicipal reúnen dende mañá 520 firmas de 24 países nunha dobre cita feiral cos sectores enerxético e municipal

 

Silleda, 13 de abril de 2024.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA pechou hoxe as portas da cuarta edición da feira de enerxía Enerxétika e primeira do salón de servizos municipais ExpoMunicipal. Unha dobre cita feiral que supuxo que o recinto recibise desde o xoves a máis de 5.300 visitantes de España e Portugal.

Estes asistentes puideron ver as últimas novidades presentadas por 520 firmas expositoras de 24 países dos sectores enerxético e municipal, as cales estiveron representadas por 181 expositores directos de España, Portugal, Andorra, Francia, Italia, México, Israel e República Checa. Uns expositores entre os que se atopaban moitas das empresas máis importantes dos seus respectivos sectores e que ocuparon os dous pavillóns principais do recinto, sendo a superficie neta conxunta de 7.441 metros cadrados.

Por outra banda, os seus programas acolleron case un centenar de conferencias nas que interviñeron 120 expertos de distintos ámbitos, ademais de moitas outras propostas, como espazos de innovación, demostracións, talleres ou áreas divulgativas.

Os participantes consideraron un acerto celebrar de formar paralela dúas feiras centradas en sectores clave e capaces de crear sinerxías, o que as dotas de gran potencialidade e expectativas de futuro. Ademais, trasladaron á organización a idoneidade de que ExpoMunicipal transcenda as fronteiras galegas e alcance dimensión nacional. Todo iso anima á organización para comezar a traballar xa na vindeira edición, coa ilusión de ofrecer unha cita cada vez máis efectiva para a interacción entre expositores e visitantes.

Enerxétika 2024


A cuarta convocatoria da feira Enerxétika, apoiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, contou con 270 firmas de 17 países, das cales 110 foron expositores directos de España, Portugal, Francia, México e Israel. Entre eles estiveron presentes empresas de enerxías convencionais e renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial ou servizos.

Enerxétika 2024, que contou co patrocino de Red Eléctrica, incluíu un atractivo programa onde as xornadas foron unha peza clave. Foron preto de 70 que se agruparon en 27 xornadas que profundaron en temas como almacenamento de enerxía e transición enerxética en Galicia, a biomasa como unha oportunidade estratéxica para Galicia, política enerxética en Portugal, o mercado eléctrico chileno, hidróxeno verde, rehabilitación enerxética integral de edificios, mobilidade eléctrica, instalacións de autoconsumo ou xeotermia, entre moitos outros.

Ademais, o programa volveu contar co SIE, o Salón de Innovación Enerxética, espazo que se centra en poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia e as enerxías renovables, e que nesta ocasión mostrou 11 proxectos. Sumáronse destacados encontros sectoriais de entidades que apostaron pola feira para reunirse e levar a cabo diversos actos.

Por outra banda, a feira acolleu unha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética. Incluíu zonas temáticas con demostracións, actividades, paneis informativos e espazos de proxección tanto para aprender sobre enerxía en xeral como para coñecer medidas de aforro e eficiencia aplicadas á nosa vida cotiá. Desenvolveu ademais un programa específico para escolares.

Outra interesante proposta para público xeral foi a posibilidade de probar vehículos eléctricos, híbridos e de hidroxeno de prestixiosas marcas.

ExpoMunicipal

A Feira de Servizos Municipais, cuxa organización estivo apoiada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, estreouse con 250 firmas expositoras de 18 países, dos cales 71 foron expositores directos de España, Portugal, Italia, Francia, Andorra e República Checa.

Estas mostraron o último en equipamento e servizos municipais de man de empresas líderes centradas en mobiliario urbano, limpeza, ciclo da auga, xestión de residuos, medio ambiente, enerxías alternativas, obra pública, sinalización, xardinería e paisaxismo, mobilidade urbana, instalacións deportivas e de lecer, iluminación, xestión cultural, tecnoloxía, concesionarias, alugueiro e venda de maquinaria, subministracións ou consultoría. Unha oferta que permitiu que alcaldes e corporacións municipais, técnicos, enxeñeiros ou consultores coñecesen todo tipo de posibilidades.

A feira, que contou co patrocinio de Ferrovial, foi así un atractivo escaparate, pero tamén un foro de reflexión. No seu marco desenvolveuse o congreso “Concellos 2030”, cuxos temas centrais foron o ciclo de auga, o aforro enerxético, a xestión dos residuos e a mobilidade urbana, piares básicos para conseguir concellos máis sostibles. Rexistrou máis de 340 asistentes que acudiron ás vinte conferencias e mesas redondas impartidas por unha trintena de relatores.

Sumáronse demostracións de limpeza viaria de alta presión, aspiración de follas, triturado de ramas, roza, desatasco con dispositivos de presión ou simulación de limpeza de praias. Tamén se puido ver o funcionamento de softwares de detección de irregularidades catastrais mediante o uso de intelixencia artificial, ademais de realizarse outras actividades como presentacións ou catas de auga.

 

>>> Fotografías de Enerxétika e ExpoMunicipal 2024

 

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal