A Feira Internacional de Galicia ABANCA volve a Xantar para promocionar varios certames

Silleda, 3 de novembro de 2023.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) participa dende onte ata o vindeiro domingo na 24ª Feira Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, a cal se celebra no recinto Expourense (Ourense).

A entidade feiral está presente cun stand no que durante estes días se darán a coñecer as próximas edicións do seu salón alimentario Salimat Abanca e o seu certame turístico Turexpo Galicia, enmarcados na emblemática feira multisectorial Abanca Semana Verde de Galicia, a cal tamén se promociona en Xantar. Unha presenza que se suma a outras moitas accións que se están levando a cabo desde hai semanas para achegarse tanto a potenciais expositores como posibles visitantes destes certames.

O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, que chega á súa 13ª edición e incluirá o décimo aniversario da Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), traballa nunha cita que conxugará unha interesante área expositiva, un rechamante programa e a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística. En canto ao Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, organiza xa a súa 27ª edición para converterse de novo en punto de encontro alimentario e gastronómico a través dunha atractiva exposición na que a innovación terá un espazo propio con Alinova e unha completa programación na que destacarán os Encontros Internacionais de Compradores.
 
Estas tres citas terán lugar do 30 de maio ao 2 de xuño de 2024 xunto á 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que tamén incluirá a 10ª Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, e moitos outros sectores que irán desde gandería, bioenerxía, xardinería ou ferramenta ata mobiliario, decoración ou artesanía, ademais de outros produtos e servizos.

Cooperación para o desenvolvemento feiral

Esta participación da Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) en Xantar enmárcase nun convenio de colaboración que esta entidade feiral e a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, iniciaron xa en 2017 e ratificaron o ano pasado.

O seu obxectivo é promover accións de cooperación que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade, en sintonía co espírito da Asociación Galega de Feiras e Eventos (Agafe), e tamén, dunha maneira particular, ao fortalecemento destes dous recintos.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal