Silleda, 10 de marzo de 2023.- Equina Galicia celebrará a súa novena edición do 28 ao 30 de xullo. Será de novo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, onde o ring converterase en escenario de importantes competicións nas que participarán destacados exemplares das mellores ganderías nacionais.
Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, este evento terá como eixo principal o IX Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal volveu a conseguir para esta edición a categoría tres estrelas.
Logo de que en 2020 ascendese a dúas estrelas e o ano pasado a tres, este ano a Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle de novo o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais de valorar as infraestruturas destinadas ao concurso no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 28 de novembro ao 3 de decembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).
Doma e espectáculos
Ademais do concurso morfofuncional, esta cita ecuestre programou xa outras interesantes competicións, como son a XXIV Copa Accega, o Territorial e o V Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica. Ademais, incluiranse outras competicións e actividades que a organización pechará nos próximos meses, entre as que se incluirán unha competición de enganches ou espectáculos ecuestres.