Silleda, 9 de setembro de 2022.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle mañá e o domingo tres importantes competicións de beleza canina nas que se darán cita 700 cans de máis dunha vintena de provincias de España e tamén de Portugal.
Organizadas pola Sociedade Canina Galega, nestas probas xulgarase a morfoloxía, movementos e carácter dos participantes. Serán un total de once xuíces de España, Portugal, Italia, Croacia e Serbia os que avalíen aos cans participantes, os cales pertence a preto de 150 razas distintas. De novo haberá razas habituais, pero tamén outras moi descoñecidas que chamarán a atención do público asistente e mesmo dos propios participantes, como a Irish Wolfhound ou a Bedlington Terrier.
Mañá sábado levarase a cabo a 101ª Exposición Nacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA, mentres que o domingo celebrarase a 102ª edición deste mesmo concurso e tamén a 45ª Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA. O gañador destas dúas últimas competicións será común a ambas.
Máximo nivel
Estas citas son de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. O seu obxectivo é buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinológica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores exemplares para a cría.
Nelas premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”, os cales irán á final de grupo. Hai once grupos dos que sairán outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores do concurso, o Best in Show en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Veterano” e “Razas Españolas”. O campión absoluto será o Best in Show de Adultos.