Silleda, 5 de agosto de 2022.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá de novo tres importantes competicións de beleza canina organizadas pola Sociedade Canina Galega.
O sábado 10 de setembro levarase a cabo a 101ª Exposición Nacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA, mentres que o domingo día 11 celebrarase a 102ª edición deste mesmo concurso e tamén a 45ª Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Estas citas serán de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. O seu obxectivo é buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinológica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores exemplares para a cría. Para iso, once xuíces de España, Portugal, Italia, Croacia e Serbia valorarán a morfoloxía, movementos e carácter dos cans.
As categorías destes concursos serán “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Intermedia”, “Aberta”, “Veterana”, “Traballo” e “Campións”. Ademais, todos os participantes poden competir en “Parellas” e “Grupo de Cría”.
Premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”, os cales irán á final do seu grupo. Hai once grupos dos que sairán outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Veterano” e “Razas Españolas”. O campión absoluto será o Best in Show da categoría de Adultos, a cuxas finais poderán optar tamén os cans con mellor puntuación das restantes categorías, excepto “Moi Cachorros” e “Cachorros”.
Nas Exposicións Nacionais o cans obterán puntos para o Campionato de España, mentres que na Internacional farano para o Campionato Internacional. Ademais, estas competicións puntúan para Mellor Can do Ano en Galicia dos Socios da Sociedade Canina Galega e serven para seleccionar aos que serán convidados á Gala TOP32, á que acoden os 32 cans que obtiveron máis méritos durante todo o ano anterior nas exposicións e concursos que celebra a entidade en Galicia.
Citas de éxito no recinto
A Feira Internacional de Galicia ABANCA será por terceira vez sede desta cita da Sociedade Canina Galega que aglutina dúas competicións nacionais e unha internacional, aínda que dende hai moitos anos a súa feira Abanca Semana Verde de Galicia inclúe no programa un concurso nacional desta mesma entidade.
En canto a esta tripla cita, o recinto comezou a acollela no ano 2020 cun gran éxito de participación ao reunir a setecentos cans de tres países, unhas cifras superadas en 2021 ao chegar aos mil cans de catro países. Con esta nova convocatoria, o recinto volverá converterse en espazo de referencia para o mundo canino.