- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do Padroado da entidade, na que se aprobaron as contas de 2019, se fixo un balance provisional deste ano e se presentaron os orzamentos para 2021
- Destacouse o esforzo realizado para seguir celebrando todos os eventos posibles, incorporar importantes melloras tecnolóxicas na Central Agropecuaria e deseñar novas citas para incluír no calendario do recinto
- Luisa Piñeiro incorpórase ao Padroado en representación da Xunta
No encontro aprobáronse as contas de 2019, un ano destacable que supuxo a consolidación da liña positiva emprendida en 2014 e cuxos resultados se traduciron nun beneficio financeiro de máis de 111.000 euros e unha facturación que superou os 3 millóns de euros de ingresos tras a celebración de 24 eventos e 50 poxas da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, ademais doutros eventos menores.
Ademais, fíxose un balance provisional deste ano 2020, que estivo fortemente marcado polas consecuencias económicas da pandemia da covid-19 e pola aplicación de medidas de seguridade que afectaron especialmente á actividade do sector de feiras e eventos. A pesar da imposibilidade de desenvolver as citas máis destacadas deste ano e ter xa acometido gastos operativos para a súa comercialización e xestión, a Fundación presentou unhas contas nas que o déficit económico se puido contrarrestar co superávit acumulado pola entidade nos últimos anos. Unhas perdas que ademais foron máis leves que as que reflectía a entidade entre o 2010 e o 2013, con total actividade.
Este ano celebráronse 11 eventos maiores, o dobre que en 2013 e unha cifra similar á de 2014, unha decena de eventos menores e 40 sesións da Central Agropecuaria, das cales queda por celebrarse unha e nas que faltan dez poxas entre marzo e maio que non se celebraron debido á pandemia. Dous salóns de motor, o evento ecuestre Equina, concursos nacionais e internacionais caninos, unha edición online da party informática XGN R Encounter e varios procesos selectivos foron as citas máis destacadas este ano. Tamén foi relevante a incorporación de novos sistemas telemáticos na Central Agropecuaria, con aplicacións tanto para que os operadores podan poxar a través do teléfono móbil en lugar das tradicionais tiras de papel como para a comunicación dos resultados da poxa.
Un balance sobre o que Alfonso Rueda destacou o esforzo feito pola Fundación este ano para seguir levando a cabo todos os eventos posibles a pesar da situación adversa, ademais de subliñar o traballo realizado en anos anteriores, que ten como froito que a entidade poida manterse economicamente ata que a situación provocada pola pandemia mellore e recupere a súa plena actividade. Mostrouse tamén convencido de que cando se recupere a normalidade a Fundación volverá á súa senda de crecemento.
Así mesmo, destacou o labor que tamén se realizou para engadir ao calendario novos eventos, algún dos cales se dará a coñecer nos vindeiros meses. Un incremento da actividade que é notorio nos últimos anos e que segue a ser un dos obxectivos da Fundación, mantendo a súa vinculación co sector primario e, ao mesmo tempo, diversificando a actividade coa súa implicación noutros sectores.
Neste sentido, o Goberno galego segue a manter o seu compromiso coa Fundación Semana Verde e este exercicio achegou algo máis de 600.000 euros entre achegas, subvencións e distintas colaboracións.
Orzamento para 2021
Por outra banda, na reunión analizouse o orzamento previsto para 2021, no que se prevé recuperar o equilibrio entre ingresos e gastos cunha contía de 2,9 millóns de euros. Un orzamento con expectativas moi reais nas que se ten en conta a celebración dos eventos que non puideron realizarse este ano e se trasladaron ao próximo, pero tamén a incerteza que sigue a existir sobre a evolución da pandemia e a recuperación económica dos sectores profesionais vinculados coa actividade directa da Fundación.
Incorporación de Luisa Piñeiro
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, tomou posesión como padroeira da Fundación Semana Verde de Galicia.
A representante autonómica incorporouse deste xeito ao máximo órgano da entidade e, a continuación, participou na reunión.
Luisa Piñeiro participará o próximo luns no padroado da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, no que tamén representa ao Goberno galego.