
Ao encontro acudiron Emma González, directora adxunta de Expourense; Belén Montero, xerente do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia; Rubén López, director xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, o cal ostenta na actualidade a presidencia de Agafe.
No marco da reunión Ricardo Durán destacou o bo momento das feiras no mundo como unhas das principais ferramentas de marketing e de negocio das empresas para abrir mercado e xerar relacións comerciais. Ademais, fixo fincapé na inmellorable posición do ámbito feiral galego para xerar riqueza a través dos eventos e dinamizar os sectores económicos da nosa Comunidade.
Durante o transcurso do encontro Durán subliñou tamén que Galicia conta con feiras punteiras a nivel peninsular e internacional, sendo unha das apostas principais da Asociación a profesionalización do sector e a organización de eventos con gran retorno no noso entorno. Así mesmo, sinalou como estratexia de crecemento da entidade a colaboración entre recinto feirais e institucións, anunciando que realizará este ano varias actividades entre os recintos para compartir coñecementos e experiencias, como fórmula para medrar sumando.
Global Exhibitions Day
O Global Exhibitions Day (Día Internacional das Feiras) celébrase sempre o primeiro mércores de xuño e nel participan entidades de máis de 85 países. O seu obxectivo é fomentar o coñecemento da relevancia da actividade feiral e da súa repercusión económica e social. Tanto é así que as mensaxes claves en 2019 son: as feiras como unha gran industria global e unha eficaz e sostible forma de facer negocios, que poden contribuír a un mundo sostible e ofrecer diferentes oportunidades laborais.





