A competición de saltos nacional 2* Concursos Hípicos no Camiño recibe a máis de 120 binomios na Feira Internacional de Galicia ABANCA

Silleda, 12 de agosto de 2021.- Os Concursos Hípicos no  Camiño poñen en marcha mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA a súa segunda edición, na cal participan máis de 120 binomios (cabalo e amazona ou xinete) procedentes de distintos puntos de Galicia.

Este Concurso de Saltos Nacional con categoría dúas estrelas, que terá lugar no ring do recinto feiral, desenvolverase ata o domingo. En cada unha das xornadas disputaranse diferentes probas, con  pódium en cada unha delas e que irán desde as cruzadas para os xinetes e  amazonas noveis ata a proba estrela, que terá lugar o domingo e na que as barras se situarán a 1,35 metros para a disputa do Gran Premio Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Entre os participantes cabe destacar a presenza do xinete compostelán Jose Luís Milán Dopico, vixente gañador dos Concursos Hípicos no Camiño ao alzarse vencedor no Gran Premio da súa primeira edición, celebrada o pasado mes de xullo no  concello de Vedra. Conta ademais no seu palmarés con participacións en competicións de nivel internacional.

Xunto a Milán Dopico bateranse nas diferentes probas xinetas de gran proxección no panorama nacional como o coruñés Diego Lage ou a amazona pontevedresa Emma Rodríguez.

A esta parte deportiva sumarase en cada unha das xornadas unha actuación musical nas instalacións do recinto.

Esta cita, organizada pola Asociación Concursos Hípicos no Camiño, converterá durante os vindeiros tres días á Feira Internacional de Galicia ABANCA e ao  concello de Silleda en espazo de referencia para a hípica.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal