Silleda, 28 de febreiro de 2019.- O director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, participou esta mañá nas I Xornadas de Turismo Ibérico, as cales comezaron onte e rematan hoxe en Luso (Portugal) e están organizadas polo Grupo Gala.
Durán interveu no panel denominado “A importancia dos medios de comunicación e as feiras do sector na decisión do turista”. Nel aportou a súa experiencia e visión como director do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA e da feira turística Turexpo Galicia, a cal chega á súa novena edición do 6 ao 9 de xuño, e sobre a que tamén falou.
Xunto a el participaron nesta mesa Alberto Alonso, director xeral do Instituto Ferial de Castilla y León – Feria de Valladolid; Julio Rubio, director da revista española Turismo e José Luís Elias, director da publicación portuguesa Turisver. O moderador foi João Luis Campos, director adxunto do Diário de Coimbra.
Oa longo do día de hoxe estanse a desenvolver outros tres paneis, os cales versan sobre “Turismo e municipios, casos de éxito”, “Presentación do proxecto Anda Comigo”, do Grupo Gala, e “Turismo Ibérico: estratexia de futuro”. Neste último estará presente Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, xunto co director xeral de Turismo da Junta de Extremadura, o presidente de Turismo Centro de Portugal e a directora do Departamento de Desenvolvimento e Inovação de Turismo de Portugal.
En canto á xornada de onte, primeiro día do congreso, abordáronse aspectos como a relación entre museoloxía, patrimonio relixioso e turismo, novas oportunidades e produtos no turismo ou o ensino e o mercado de traballo.
Corenta expertos de España e PortugalEstas Primeiras Xornadas de Turismo Ibérico, que se desenvolven no Grande Hotel de Luso, contan con 40 expertos españois e portugueses relacionados co sector, que xa interviñeron ou o farán ao longo do día de hoxe en oito mesas temáticas distintas e tamén na inauguración e a clausura do evento.
Son directores de feiras e medios de comunicación do ámbito turístico, directivos de importantes empresas ou sociedades e técnicos e responsables de institucións públicas os que están a debatir sobre a actualidade e futuro do turismo na Península.
As I Xornadas de Turismo Ibérico están organizadas polo Grupo Gala, unha destacada empresa do país veciño que opera na área da publicación, marketing e promoción turística, así como unha importante colaborada da Fundación Semana Verde de Galicia no seu salón turístico Turexpo Galicia.