O Xuventude Galicia Net 2015 comezou de forma oficial esta mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA con cerca de 800 inscritos

O número de persoas rexistradas seguirá incrementándose ata o domingo, último día desta party informática, xa que os interesados pode aínda anotarse


RICARDO DURÁN, DIRECTOR DA ENTIDADE FEIRAL, AGRADECEU A PRESENZA DOS PARTICIPANTES E DESTACOU DURANTE O SAÚDO DE APERTURA DO EVENTO QUE ESTE REXURDE CON HUMILDADE PERO CON VOCACIÓN DE CONSOLIDACIÓN
• O RECINTO PERMANECERÁ ABERTO ATA AS 00.00 HORAS PARA OS VISITANTES QUE DESEXEN PARTICIPAR NA ÁREA DE ACCESO LIBRE DO EVENTO, A EXTRANET

Silleda, 18 de setembro de 2015.- A 15ª edición do Xuventude Galicia Net, que volve a converterse na maior party informática da comunidade, comezou hoxe de forma oficial na Feira Internacional de Galicia ABANCA con cerca de 800 inscritos na súa zona Intranet, cifra que xa se incrementou respecto á xornada non oficial de onte e seguirá a medrar nos vindeiros días debido a que os interesados en participar poden rexistrarse tanto a través da web do evento como no recinto ata o domingo, último día do XGN.

Moitos destes inscritos xa ocuparan esta mañá os seus postos, mentres os restantes irano facendo ata o mesmo domingo, se ben a inmensa maioría xa estará no recinto dende mañá pola mañá.

Os participantes nesta zona Intranet do evento, só para inscritos, desfrutarán durante 72 horas de forma ininterrumpida dun posto con conexión de altas prestación para o seu equipo informático, con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar  en máis de 30 actividades distintas.

Esta mañá leváronse a cabo as inscricións para os catro torneos oficiais do evento, os cales comezarán ás 16:00 horas de hoxe e estarán centrados nos populares videoxogos League of Legends, Heartstone, Fifa 2015 e Counter Strike-Global Offensive (Cs Go). Pola tarde levaranse tamén a cabo outras dúas competicións, que ao igual que as oficiais, están dirixidas aos inscritos. Serán os torneos dos videoxogos Street Fighter e Heroes of the Storm.

Por outra banda, a zona de acceso libre da XGN, a Extranet, está aberta ata as 00.00h todos os días, ofrecendo aos visitantes que acudan ao recinto un completo programa de actividades, cun área de videoxogos con consolas de última xeración, proxeccións, xogos de mesa, pistas de fútbol e baloncesto, futbolíns, mesas de ping-pong e de discos, simuladores de velocidade e de circuítos e unha pista de karting na que se farán mini campionatos. Así mesmo, nesta área están presentes algunhas empresas relacionadas co ámbito da party.

Vocación de consolidación
Esta mañá realizouse tamén o saúdo oficial do XGN a todos os participantes, no cal Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, expresou o seu agradecemento aos participantes pola súa presenza e subliñou “o esforzo realizado pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Consellería de Traballo a través da Dirección Xeral de Xuventude para que a XGN poda resucitar de novo”, o cal “valeu a pena” ante a boa resposta dos asistentes.

Así mesmo, destacou que “a XGN rexurde con humildade pero con vocación de consolidación no recinto”, polo que pediu aos asistentes que continúen en contacto coa entidade feiral para facer da XGN 2016 “un gran evento do que se podan sentir coorganizadores”

Durán destacou tamén durante o saúdo a importancia do sector dos videoxogos e a informática e asegurou que a Fundación Semana Verde seguirá traballando para incorporar novos eventos relacionados con este ámbito, no que quere “implicarse e ao que quere vincularse”.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal