A orquestra Panorama clausurará o 22 de marzo o salón turístico Turexpo Galicia cun gran concerto inaugural da súa nova xira “The Game Tour”


  • A AGRUPACIÓN MUSICAL PRESENTARÁ AS NOVIDADES DA TEMPADA 2015 DURANTE TRES HORAS
  • ANTES DESTA ACTUACIÓN, ENTRE AS 19H E AS 23H, OS ASISTENTES PODERÁN DESFRUTAR DE DIVERSAS ACTIVIDADES LÚDICAS E DE ENTRETEMENTO

Silleda, 6 de marzo de 2014.- O salón turístico Turexpo Galicia 2015, o cal se celebrará do 20 ao 22 de marzo na Feira Internacional de Galicia, será clausurado cunha actuación de gran relevancia no panorama musical galego.

Así, esta feira pecharase cun gran concerto inaugural da xira 2015 da orquestra Panorama, denominada  “The Game Tour” e cunha temática de espectáculo baseada nos videoxogos máis populares dos últimos anos.

A actuación, que comezará ás 23.00 horas, terá lugar no pavillón 1 do recinto, ao cal os asistentes poderán acceder ou ben presentando o ticket de entrada á feira Turexpo Galicia 2015 de calquera dos seus tres días de celebración ou ben abonando 2€. O parking no interior do recinto feiral será gratuíto.

A agrupación musical interpretará durante 3 horas o seu novo repertorio e dará a coñecer a súa posta en escena, novos medios técnicos con gran espectacularidade e as súas dúas incorporacións nesta tempada, un percusionista, performance, bailarín e cantante e un saxofonista.

Nesta cita musical empregarase de novo a tela acústica colocada no festival de orquestras Closing Tour 2014 o 7 de decembro para conseguir un excelente son.

Previamente á actuación de Panorama, entre as 19.00 h e as 23.00 horas, os asistentes poderán desfrutar de diversas actividades lúdicas e de entretemento que se están a organizar.

Turexpo Galicia 2015


Antes de que este salón turístico sexa clausurado co concerto de Panorama, conxugará durante tres días unha atractiva área expositiva na que terá gran protagonismo o Camiño de Santiago, coa recreación  da Vía da Prata e o Camiño Francés a través da presenza da súa oferta turística, un interesante programa de actividades e a súa Bolsa de Contratación Turística, a cal é xa un referente no noroeste peninsular e conta, ademais de con reunións, con visitas guiadas para touroperadores nacionais e internacionais.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal