O Concurso de Máquinas Destacadas do certame CIMAG 2013 premia 12 innovacións agrícolas de 10 firmas nacionais e internacionais

  O xurado entregou esta mañá os recoñecementos nos stands correspondentes a cada unha das máquinas


• ESTE MONOGRÁFICO DE MAQUINARIA AGRÍCOLA CELÉBRASE NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA DENDE HOXE E ATA O VINDEIRO SÁBADO

Silleda, 28 de febreiro de 2013.- Un total de 12 innovacións agrícolas pertencentes a 10 firmas nacionais e internacionais foron premiadas esta mañá no Concurso de Máquinas Destacadas do VI Certame Internacional de Maquinaria Agrícola, Cimag 2013, o cal se celebra dende hoxe e ata o sábado no recinto Feira Internacional de Galicia.

As novidades galardoadas foron a sementadora Amazone EDX 6000 de Deltacinco, polo seu pequeno corpo central e pola súa facilidade de plegado; a manipuladora telescópica  Weidermann T4512 CC 35 de Doval Maquinaria Agrícola, polas súas pequenas dimensións e maniobrabilidade; a rotoempacadora encintadora McHale Fusión 3, por ser moi compacta e ao  mesmo tempo permitir empacar e encintar; a manipuladora telescópica CAT HH407C, pola solución aplicada ao seu motor para reducir as emisións contaminantes á atmosfera e para cambiar os filtros cada 10.000 horas de traballo en lugar das 3.000 horas ás que se fai agora  noutras máquinas; o sistema Claas Dynamic Power para picadoras de forraxe Jaguar presentado por Hermanos Villar, o cal ata agora só se aplicaba a tractores e que adapta a potencia do motor en función da forraxe que está picando, o que reduce o seu consumo; e o arado de vertedoiro Lemken modelo Juwel de Manturios e Sementes, cun novidoso enganche  que permite reducir os esforzos de tracción, baixando o consumo.

Así mesmo, foron premiados, de Maquinaria Agrícola de Noroeste, o tractor John Deere con transmisión Direct Drive, o único do mercado cunha caixa de cambios tipo Formula 1, con transmisión  automática continua; a rotoempacadora John Deere 960, na que o tempo de expulsión da paca é un 60% máis rápido; e un procesador Kernel Star na picadora de forraxe John Deere 7780i, o cal conta cun sistema de alimentación que procesa mellor o forraxe conseguindo un aforro de combustible. Ademais, tamén mereceron galardón o sistema de protección de cadeas no esparexedor de esterco HF de Remolques HF, que evita que se rompan as cadeas, aportando seguridade e facilidade de manexo; a cisterna de xurros modelo 19.000 litros de Talleres Moga, que destaca pola súa gran capacidade e adaptación ás explotacións galegas; e a rotoempacadora de cámara variable e picadora Kuhn VB2160 OC14 presentada por Tecnor Lalín Maquinaria, que sobresae pola súa adaptación ás condicións de forraxe de Galicia

En total foron admitidas neste VI Concurso de Máquinas Destacadas 16 innovacións agrícolas das 25 que foron presentadas inicialmente. As novidades participantes pertencían a 14 firmas nacionais e internacionais.

Xurado de expertos

O xurado deste concurso estivo conformado por catro expertos, entre os que figuran o recoñecido doutor enxeñeiro agrónomo Luís Márquez, presidente de AENOR/CTN 68 “Tractores y maquinaria agrícola”; Ignacio Ruíz, secretario xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal e de Espazos Verdes (ANSEMAT); Fernando Augusto dos Santos, profesor da Universidade de Trás Os Montes e Alto Douro, de Portugal; e Gabriel Rielo, técnico en maquinaria agrícola.

Os galardóns foron entregados esta mañá no stand de cada unha das novidades premiadas por tres dos catro membros do xurado e o director da Feira Internacional de Galicia, Pedro Corbacho.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal