A feira Salimat Abanca 2022 intensifica a súa promoción participando na cita alimentaria Gourmets

Silleda, 26 de abril de 2022.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA continúa apostando pola presenza noutros eventos para dar a coñecer os seus certames, entre eles o Salón de Alimentación do Atlántico,  Salimat Abanca.

Así, esta cita está a darse a coñecer entre os expositores e visitantes do salón  Gourmets, o cal celebra a súa 35ª edición desde onte e ata o vindeiro xoves en Madrid.

A feira acode a este evento baixo o paraugas da Xunta de Galicia, dispoñendo dun espazo no stand que a Consellería do Medio Rural ten neste certame e no que participan outras 28 empresas do sector agroalimentario. Unha presenza expositiva á que suman outras 18 entidades da cadea mar-industria no stand do que dispón a Consellería  do Mar en Gourmets.

No seu espazo,  Salimat Abanca, está a dar a coñecer a súa 25ª edición, a cal volverá converterse en punto de encontro do sector alimentario e gastronómico a través dunha atractiva exposición e unha ampla programación na que destacarán os Encontros Internacionais de Compradores, ademais de  showcookings, catas, presentacións e o seu espazo de innovación  Alinova. Celebrarase do 2 ao 5 de xuño no marco da 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Ademais, en Gourmets está presente un equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA, de novo encabezado polo seu director, Ricardo Durán, o cal non só atende aos visitantes, senón que está a realizar visitas a moitos dos expositores presentes para darlles a coñecer a próxima edición deste salón.

Notable difusión

A pouco máis dun mes para a súa celebración, Salimat Abanca está a realizar unha importante promoción da súa vindeira cita, a cal ademais desta presenza en  Gourmets inclúe tanto soportes propios da Feira Internacional de Galicia ABANCA como medios enmarcados no sector alimentario.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal