A informática e as novas tecnoloxías volverán darse cita na XGN R Encounter do 7 ao 9 de outubro


Silleda, 14 de xullo de 2022.- A XGN R Encounter 2022 celebrarase do 7 ao 9 de outubro, volvendo reunir a profesionais e afeccionados á informática e as novas tecnoloxías nunha cita que alcanza xa a súa 22ª edición.

 

Esta lanparty, a maior de Galicia, articularase nas súas zonas habituais nos dous pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia ABANCA. A Intranet, orientada a inscritos, permitiralles desfrutar dun posto con dereito a acampar e a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para inscritos como para quen visite o recinto.

 

Así, este evento desenvólvese de novo no seu formato completo. Aínda que non faltou á súa cita anual en ningún momento ao celebrase online en 2020 e volver facelo de forma presencial para inscritos en 2021, este ano recupera a súa área de acceso libre no recinto. Esta desenvolveuse na pasada edición a través de internet debido á situación respecto á pandemia naquel momento.

 

A Feira Internacional de Galicia ABANCA irá deseñando nas próximas semanas esta edición, que é a sexta coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party. Unha cita que seguirá incorporando melloras na súa aposta por converterse na segunda lanparty de España.

 

Un obxectivo vinculado á rede de Encounters do Grupo Euskaltel, á que R pertence a través da súa Fundación e que inclúe desde hai máis de 25 anos as parties do País Vasco: Euskal Encounter, Gipuzkoa Encounter e Araba Encounter.

 

Propostas formativas e de lecer

 

Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita que contará cun amplo programa tanto para rexistrados como para as persoas que acudan á Extranet. Con interesantes novidades que pretenden sorprender como en cada edición aos participantes, volverán destacar as competicións, talleres, conferencias, actividades de realidade virtual e tamén os xogos máis diversos.


 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal