A Fundación Semana Verde resiste economicamente nun ano marcado polo descenso da súa actividade debido á covid-19

  • O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do Padroado da entidade, na que se aprobaron as contas de 2019, se fixo un balance provisional deste ano e se presentaron os orzamentos para 2021
  • Destacouse o esforzo realizado para seguir celebrando todos os eventos posibles, incorporar importantes melloras tecnolóxicas na Central Agropecuaria e deseñar novas citas para incluír no calendario do recinto
  • Luisa Piñeiro incorpórase ao Padroado en representación da Xunta
Silleda, 17 de decembro de 2020.- A Fundación Semana Verde resistiu economicamente este ano marcado polo coronavirus grazas á boa xestión e ao superávit acadado nos últimos anos. Así se destacou hoxe na reunión do Padroado, que estivo presidida polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

No encontro aprobáronse as contas de 2019, un ano destacable que supuxo a consolidación da liña positiva emprendida en 2014 e cuxos resultados se traduciron nun beneficio financeiro de máis de 111.000 euros e unha facturación que superou os 3 millóns de euros de ingresos tras a celebración de 24 eventos e 50 poxas da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, ademais doutros eventos menores.

Ademais, fíxose un balance provisional deste ano 2020, que estivo fortemente marcado polas consecuencias económicas da pandemia da covid-19 e pola aplicación de medidas de seguridade que afectaron especialmente á actividade do sector de feiras e eventos. A pesar da imposibilidade de desenvolver as citas máis destacadas deste ano e ter xa acometido gastos operativos para a súa comercialización e xestión, a Fundación presentou unhas contas nas que o déficit económico se puido contrarrestar co superávit acumulado pola entidade nos últimos anos. Unhas perdas que ademais foron máis leves que as que reflectía a entidade entre o 2010 e o 2013, con total actividade.

Este ano celebráronse 11 eventos maiores, o dobre que en 2013 e unha cifra similar á de 2014, unha decena de eventos menores e 40 sesións da Central Agropecuaria, das cales queda por celebrarse unha e nas que faltan dez poxas entre marzo e maio que non se celebraron debido á pandemia. Dous salóns de motor, o evento ecuestre Equina, concursos nacionais e internacionais caninos, unha edición online da party informática XGN R Encounter e varios procesos selectivos foron as citas máis destacadas este ano. Tamén foi relevante a incorporación de novos sistemas telemáticos na Central Agropecuaria, con aplicacións tanto para que os operadores podan poxar a través do teléfono móbil en lugar das tradicionais tiras de papel como para a comunicación dos resultados da poxa.

Un balance sobre o que Alfonso Rueda destacou o esforzo feito pola Fundación este ano para seguir levando a cabo todos os eventos posibles a pesar da situación adversa, ademais de subliñar o traballo realizado en anos anteriores, que ten como froito que a entidade poida manterse economicamente ata que a situación provocada pola pandemia mellore e recupere a súa plena actividade. Mostrouse tamén convencido de que cando se recupere a normalidade a Fundación volverá á súa senda de crecemento.

Así mesmo, destacou o labor que tamén se realizou para engadir ao calendario novos eventos, algún dos cales se dará a coñecer nos vindeiros meses. Un incremento da actividade que é notorio nos últimos anos e que segue a ser un dos obxectivos da Fundación, mantendo a súa vinculación co sector primario e, ao mesmo tempo, diversificando a actividade coa súa implicación noutros sectores.

Neste sentido, o Goberno galego segue a manter o seu compromiso coa Fundación Semana Verde e este exercicio achegou algo máis de 600.000 euros entre achegas, subvencións e distintas colaboracións.

Orzamento para 2021
Por outra banda, na reunión analizouse o orzamento previsto para 2021, no que se prevé recuperar o equilibrio entre ingresos e gastos cunha contía de 2,9 millóns de euros. Un orzamento con expectativas moi reais nas que se ten en conta a celebración dos eventos que non puideron realizarse este ano e se trasladaron ao próximo, pero tamén a incerteza que sigue a existir sobre a evolución da pandemia e a recuperación económica dos sectores profesionais vinculados coa actividade directa da Fundación.

Incorporación de Luisa Piñeiro
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, tomou posesión como padroeira da Fundación Semana Verde de Galicia.

A representante autonómica incorporouse deste xeito ao máximo órgano da entidade e, a continuación, participou na reunión.

Luisa Piñeiro participará o próximo luns no padroado da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, no que tamén representa ao Goberno galego.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal