Silleda (Pontevedra), 5 de febrero de 2022.- A feira Enerxétika pechou esta tarde as portas da súa terceira edición, a cal contou cunha afluencia de cerca de 5.200 visitantes, entre os que se rexistraron tanto profesionais da enerxía como consumidores con distintos perfiles, dende empresarios de múltiples sectores a particulares. Estes acudiron ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA dende distintos puntos de España e Portugal.
Dende o pasado xoves o certame uniu negocio, innovación e intercambio de coñecementos nunha cita que foi inaugurada polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
A súa área expositiva contou coa presenza de 251 firmas expositoras de 13 países, as cales estiveron representadas por 89 expositores directos de España e Portugal, entre os que se atopaban moitas das empresas máis importantes do sector en enerxías convencionais e renovables, eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación ou servizos. Ocuparon un dos pavillóns principais do recinto, sendo a superficie neta de 3.893 metros cadrados.
Este escaparate, unido ao completo programa de actividades do certame, conformaron un atractivo punto de encontro que, tras o aprazamento da feira en 2020 debido á Covid-19, facíase necesario ante o momento determinante que vive o sector. Neste sentido, os expositores mostráronse satisfeitos de forma xeneralizada, destacando en moitos casos a importancia de volver poñer en marcha o certame tras a pandemia.
Un interesante programa
Enerxétika 2022, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, desenvolveu durante os seus tres días un programa de actividades con gran nivel. Nel destacou a celebración de máis de 80 conferencias que se agruparon en 26 xornadas organizadas por destacadas entidades tanto galegas como nacionais.
Estas conferencias, que foron conducidas por 90 expertos de distintos ámbitos, profundaron en temas de gran interese, como os retos, liñas de axuda e casos de éxito no sector da biomasa en Galicia, a transición enerxética en Galicia e a súa visión a 2030, oportunidades e retos da transición enerxética, hidróxeno renovable como unha realidade en España en 2022, servizos para mellorar a eficiencia enerxética no sector municipal e privado, instalacións de autoconsumo e infraestruturas de recarga para vehículos eléctricos, aproveitamento enerxético no sector avícola, avaliación da calidade do ambiente en edificios e control da calidade do aire en interior en tempo real para mellorar a eficiencia e a vixilancia da saúde, dixitalización no sector enerxético, eficiencia enerxética, autoconsumo ou fondos Next Generation e xeotermia.
Sumáronse destacados encontros sectoriais de entidades que apostan pola feira para reunirse e levar a cabo diversos actos. Así, celebrouse o encontros dos catro clústers da enerxía de Galicia: do autoconsumo e eficiencia enerxética, das enerxías renovables, da xeotermia e da biomasa. Engadíronse outras asembleas, encontros e presentacións
Por outra banda, o programa da feira incluíu por primeira vez o SIE, o Salón de Innovación Enerxétika, un novo espazo que se centra en poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. Un xurado independente, formado por profesionais de recoñecido prestixio membros do Foro Enerxético de Galicia, foi o encargado de avaliar as propostas remitidas para determinar as que finalmente tiveron presenza no certame. Foron seleccionados 18 proxectos, os cales se mostraron a través de paneis con fotografías e información sobre cada un deles.
Ademais, a feira acolleu unha gran área divulgativa que achegou o mundo da enerxía a todos os públicos. Contou cun equipo que descubriu e resolveu as cuestións máis diversas e con distintas zonas temáticas nas cales se incluíron numerosos elementos cos que os visitantes puideron experimentar. Unha maqueta dunha central térmica, un aeroxerador real, unha placa fotovoltaica, unha máquina de vapor, aparellos eléctricos para coñecer os seus consumos ocultos ou unha aplicación para axudar a interpretar a factura da luz foron só algúns deles. Así mesmo, nesta zona leváronse a cabo talleres e demostracións, ademais dun programa específico para escolares.
Sumouse un circuíto de vehículos eléctricos e híbridos no que os visitantes puideron probar as propostas sostibles de distintas marcas.
>>> FOTOGRAFÍAS DA FEIRA