A Panorama Halloween Party promete mañá unha noite de diversión con espectáculo, música e disfraces

 


 • O GRUPO BOMBA E A DISCOTECA MÓBIL EME MUSIC, COS DJS MARCOS MAGÁN E WILL PÉREZ, ACOMPAÑARÁN A ESTA RECOÑECIDA ORQUESTRA NUN EVENTO QUE SE ESTREA NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA CON NOVE HORAS DE MÚSICA

    • AS MELLORES CARACTERIZACIÓNS SERÁN PREMIADAS CON VALES REGALO VALORADOS EN 500€, ADEMAIS DE SORTEARSE UNHA VIAXE A TENERIFE

Silleda, 30 de outubro de 2018.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle mañá o estreo dun novo evento musical, a Panorama Halloween Party, a cal reúne a esta popular orquestra co Grupo Bomba e a discoteca móbil Eme Musica, que incluirá sesións dos picadiscos Marcos Magán e Will Pérez.

Esta cita, organizada pola empresa Piñeiro Pub, ofrecerá nove horas de diversión na que se combinará a música cos disfraces propios da noite de Samaín. Tanto a taquilla como as portas do pavillón 1 do recinto feiral abriranse ás 21.30 horas, dando comezo o espectáculo en torno ás 22.00 horas. Sobre as 07.00h do 1 de novembro rematará esta primeira edición da Panorama Halloween Party.

En canto ás actuacións, abrirá o evento a discoteca Eme Music e os seus djs, para logo seguir o grupo Bomba. A continuación terá lugar o primeiro pase da orquestra Panorama, o segundo de Bomba e, de novo, Panorama, que nos dous pases sumará tres horas de espectáculo. Os picadiscos serán os encargados de pechar esta cita.

Esta primeira edición, que contará con climatización e servizos de restauración e roupeiro, terá entrada única en taquilla cun prezo de 5 euros. Os menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta acompañados dun adulto e o aparcadoiro, que estará vixiado, será de acceso libre.

Os mellores disfraces terán premio

A Panorama Halloween Party quere consolidarse como cita obrigada na noite de Samaín, polo que na presentación do evento o seu promotor, Jorge Silva, xa animou a que o público acudise disfrazado e destacou que se concederán premios valorados en 500 euros. Con este obxectivo  haberá un xurado que se mesturará entre os asistentes para valorar os mellores disfraces, aos cales se recoñecerá con 10 vales de 50 euros para produtos de informática e electrónica.

Ademais, a organización sorteará unha viaxe de cinco días e catro noites a Tenerife entre todas as entradas e tickets de consumicións.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal