A party informática XGN R Encounter comeza mañá con cerca de 900 inscritos e un extenso programa

 


 

  • Os participantes nesta décimo oitava edición gozarán de máis de 60 actividades que inclúen dende torneos de videoxogos e competicións de robótica ou arte dixital ata talleres, experiencias de realidade virtual e conferencias
  • Ademais dos inscritos, espérase que visiten esta cita tecnolóxica máis de 1.500 persoas, as cales poderán participar nas numerosas propostas que se desenvolverán na zona de acceso gratuíto chamada Extranet
  • Este evento segue así medrando co obxectivo de converterse na segunda lanparty máis importante do Estado

A party galega XGN R Encounter pon en marcha mañá a súa décimo oitava edición, e faino superándose tanto en número de inscritos como na cantidade e interese das actividades que ofrece este evento organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co respaldo da Consellería de Política Social e a colaboración e patrocinio da empresa R.

Serán preto de 900 inscritos, fronte aos 800 da pasada edición, os que tomen parte do evento na súa zona ‘Intranet’, onde dispoñerán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a gozar dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. Todos eles serán durante tres días protagonistas dunha cita tecnolóxica na que poderán aprender, intercambiar coñecementos, divertirse e navegar a unha velocidade de 10 Gbps grazas a  R, que despregou o ano pasado un cable de 120 quilómetros de lonxitude desde Vigo ata o recinto.

A  party tamén terá unha área coñecida como ‘Extranet’, cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente os inscritos e tamén os visitantes que se acheguen a Silleda. Espérase que 1.500 persoas pasen desde mañá ata o domingo por esta zona da  XGN  R  Encounter aberta ao público.

A  XGN  R  Encounter segue así avanzando para converterse na segunda  lanparty máis importante do Estado. Un obxectivo no que ten gran peso a súa vinculación desde o ano pasado á rede de ' Encounters' de  Euskaltel, que vén desenvolvéndose desde hai 25 anos, e da que forman parte a  Euskal  Encounter, a  Gipuzkoa  Encounter, a  Araba  Encounter e a  Technium  R  Encounter de Ourense.

Máis de 60 propostas

Durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital nas súas tres vertentes, creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. O ‘hardware’ contará cunha ampla listaxe de actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, e non faltarán as ‘granxas’ de impresoras 3D, onde se impartirá formación a quen desexe aprender sobre esta tecnoloxía. Ademais, haberá unha decena de torneos de videoxogos e outras divertidas actividades como lanzamento de CD ou o mítico “pedra, papel, tesoira” en versión  XGN  R  Encounter.

Por outra banda, tanto para os inscritos como para os visitantes á  Extranet haberá moitas outras propostas, como rol en vivo, combates nerf, torneos de sumo e  soft  combat, concurso de  cosplay, xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, unha escape  room, un espazo de realidade virtual no que se poderán vivir tres experiencias diferentes ou un taller centrado no  cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar unha idea ou unha personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic).

Sumaranse a elas distintas conferencias que abordarán temas de gran interese, como o desenvolvemento do talento grazas aos videoxogos e a  gamificación, que é a rede  IVAO, os fundamentos dunha  cloud privada  enterprise, o  hacking ético e a ciberseguridade ou o proceso de desenvolvemento dunha  App  Android en contornas empresariais.

Tamén haberá un espazo dedicado á robótica, os talleres crea R, onde os nenos poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos; e unha charla nativos R dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven con estas xeracións de ‘nativos tecnolóxicos’. Ambas iniciativas enmárcanse no programa Digitalent da AMTEGA, no que R participa para estimular o talento precoz no ámbito das TIC.

En total serán máis de 60 as actividades dun programa que permitirá aos participantes gozar pero tamén formarse.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal