A Fundación da Semana Verde cederá un dos seus edificios para acoller o futuro Museo do Campo


Silleda, 24.4.2018.- O vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Fundación do Campo Galego, Manuel Iglesias, para facilitar a posta en marcha do que será o futuro Museo do campo e a automoción agraria.

En concreto, a Fundación Semana Verde cederá o edificio do auditorio -cunha superficie de máis de 4.800 metros cadrados-, situado no recinto feiral de Silleda, para acoller estas novas instalacións. A cesión realizarase por 23 anos, aínda que se manterá o uso compartido da zona de restauración e da sala principal do auditorio.

O Museo, que se prevé que poida estar en marcha a finais do vindeiro ano, estará pilotado pola Fundación do Campo Galego, na que participan a Fundación Jorge Jove, Abanca, o concello de Silleda, Agamac (Asociación galega de amigos da maquinaria agrícola clásica) e a Universidade de Santiago de Compostela.

A futura instalación conterá un percorrido pola historia do campo galego e a súa evolución ata o día de hoxe. Ademais, tamén servirá de marco para promoción de cursos, seminarios e outras actividades, aproveitando así as sinerxías que se poidan xerar coa programación da Fundación Semana Verde.

O vicepresidente da Xunta salientou o valor desta iniciativa para seguir dignificando un sector tan relevante para Galicia como é o agropecuario e para seguir promovendo o coñecemento e sensibilización sobre o mesmo.
 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal