Silleda, 10.4.2018.- A marca de maquinaria agrícola New Holland celebrou hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA un encontro para agricultores e gandeiros galegos.
Esta cita, que contou coa participación do director xeral de New Holland en España, Riccardo Angelini, rexistrou a asistencia de máis de 800 agricultores e gandeiros de distintos puntos da xeografía galega. Así mesmo, foi visitada polo director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Os profesionais do campo que acudiron a este evento puideron ver e coñecer ata primeira hora da tarde as prestacións de distintas máquinas e innovacións da firma. Mostráronse unha trintena, entre elas tractores, empacadoras, cosechadoras e a nova gama de apeiros. Sobre elas, e tamén respecto a outros produtos fabricados pola empresa, tiveron a posibilidade de realizar consultas aos expertos da firma presentes no evento.
Por outra banda, moitos dos asistentes participaron en concursos de habilidade con máquinas en movemento, concretamente de amoreado de pacas e aparcamento de remolque.
Sorteos e a presenza dun polbeiro completaron esta cita que a marca organizou conxuntamente cos seus concesionarios galegos, Manto Maquinaria (Lugo), Ramón Lois (Noia), Fariña Maquinaria (Carballo) e Comercial Agrícola Guerra (Viana do Bolo e Xinzo de Limia), e tamén con Coberma, situado en Camponaraya (León).