A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA incrementou en 2017 as transaccións económicas nun 11,9% e a asistencia de reses nun 6,4%


Silleda, 26.12.2017.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que todos os martes se converte nun referente para o sector gandeiro e que hoxe celebrou a derradeira sesión do ano, segue a medrar tanto na asistencia de animais ás súas puxas de gando bovino como nas transaccións económicas resultantes. Así, neste 2017 rexistrou un crecemento dun 11,94% na súa facturación e dun 6,48% na concorrencia de reses.

En canto á asistencia, a Central contou cun total de 46.926 animais, ascendendo estes a 44.071 en 2016. Estas reses, pertencentes ás categorías de vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros, proceden na súa inmensa maioría das provincias galegas, se ben tamén se rexistran algunhas reses de comunidades limítrofes.

Por categorías, os becerros de recría foron os que rexistraron o maior incremento de exemplares, cun 9,9% máis, pasando de 27.306 en 2016 a 30.025 en 2017. Este crecemento débese á estabilidade rexistrada nos prezos dos Frisóns, producida en gran medida por unha maior asistencia de operadores á Central motivada pola apertura de mercados no Magreb, a onde se envían grandes cantidade de animais desde portos como os de Tarragona e Cartaxena. Unha demanda de animais españois que comezou polo peche do mercado francés debido a problemas sanitarios e que agora segue manténdose e supoñendo un envío importante de animal vivo para acabar de cebar alí

En canto ao vacún maior, é a única das categorías que non aumenta en asistencia, se ben tampouco conta cun descenso significativo ao ser dun 0,9%, pasando de 12.401 animais en 2016 a 12.298 en 2017. Unha leve baixada que se debe ao estrito control sanitario que se está a levar a cabo na Central e que disuade a algúns gandeiros á hora levar determinados animais. O obxectivo é eliminar reses en malas condicións e aumentar así a calidade da Central, o que ten o seu reflexo no aumento das transaccións desta categoría nun 11,16% a pesar de descender o número de exemplares.

Pola súa banda, a categoría de becerros carniceiros contou cun 5,6% máis de animais, pasando de 4.364 en 2016 a 4.612 este ano. Este aumento débese a que os gandeiros ven cada vez máis o mercado como un lugar idóneo para mellorar os prezos do gando, pero tamén porque segue a aumentar a asistencia de animales criados en extensivo. Se o ano pasado se instalaran catro corralas para acoller estes exemplares de difícil manexo, este ano engadíronse outras oito que fan que os transportistas pasaran de non querer levar animais deste tipo a non importarlles, xa que agora se trasladan de forma sinxela, directamente dende o camión cunha manga ata a corrala. A idea dende a Central é seguir nesta liña, aumentando estas zonas.

Volume de transaccións

En canto á facturación das poxas de bovino en 2017, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou 2.047.383€ máis, pasando de 17.142.602€ en 2016 a 19.189.985€ este ano.

Este aumento nas transaccións débese ao incremento da facturación en todas as categorías. Na de becerros de recría foi significativa, ao ascender en 2016 a 5.572.824€ e en 2017 a 6.351.956€, o que supón un incremento do 13,9%. Este crecemento vén motivado tanto por unha maior asistencia como pola estabilidade de prezos, esencialmente do Frisón, no cal o prezo medio aumentou un 9% (pasou de 106€/unidade en 2016 a 115€ en 2017), debido a tres factores: a demanda do Magreb xa mencionada, a maior conciencia dos gandeiros para presentar animais con mellor conformación e tamén a mellor calidade dos exemplares polo importante control sanitario que exercen os servicios veterinarios da Central. En canto ao prezo medio dos becerros de Cruce (cun 1,46% menos, de 299€ a 295€) e Rubios (cun 4,27% menos, de 400€ a 383€) o descenso é moito menor que o pasado ano, se ben os motivos son os mesmos, a inestable demanda do mercado coa que contan os cebadeiros para estes animais, o que fai que os produtores deban regularizar os prezos á baixa para cubrir custes de produción.

En canto ao vacún maior, como se indicaba anteriormente as transaccións aumentaron un 11,16% (de 8.672.337€ pasaron a 9.640.325€), a pesar de baixar lixeiramente a asistencia. Este incremento débese á maior calidade dos animais que concorren, polos estritos controis sanitarios da Central xa citados, aumentando un 12,51% a cotización media do vacún maior no seu conxunto (de 745€/unidade a 838€) e incluso conseguindo incrementar a calidade dos exemplares de Desfeito, cun prezo medio en 2017 dun 6,59% máis (pasaron de 422€/unidade o ano pasado a 450€ este ano). As restantes categorías aumentaron tamén, nun 1,46% a Segunda (de 707€ a 718€), nun 0,3% a Primeira (de 1.079€ a 1.082€) e nun 0,05 a Extra (de 1.795€ a 1.796).

Respecto aos becerros carniceiros, o seu volume de facturación, aumentou un 10,3% (de 2.897.441€ a 3.197.704€) tanto pola maior asistencia de reses como por un aumento da cotización media do conxunto da categoría (un 5,89%, pasado de 732€ a 775€), se ben o  incremento dos prezos medios produciuse nos Cruces (un 3,81%, pasado de 742€ a 771€) e nos Rubios (un 5,63%, pasado de 797€ a 842€). Destaca nestes últimos un importante incremento do prezo medio debido a que na Central hai cada vez máis animais con selo de calidade Ternera Suprema de Ternera Gallega, ante a demanda deste por parte dos carniceiros. Pola contra, o prezo medio do Frisón descendeu un 9,54% (de 479€ a 434€) por ser animais esencialmente de recría con pouco atractivo para os carniceiros, polo tanto con interese para a recría en zonas como o Magreb pero con pouco para os carniceiros de aquí.

Ano de récords na Central

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou este ano varios récords absolutos centrados na categoría de becerros carniceiros. Así, o 19 de decembro alcanzáronse as maiores cifras na historia da Central tanto en asistencia e adxudicación como en transaccións nesta categoría, ao concorrer 180 exemplares (a marca estaba situada nos 151 animais que asistiran o 12 de agosto de 2014), adxudicarse 166 exemplares (fronte aos 133 adxudicados tamén o 12 de agosto de 2014) e facturarse 121.377€ (que superaron os 97.007€ do 24 de xuño de 2014). 

Ademais, nesta categoría acadouse o 11 de xullo o maior prezo medio rexistrado nunca nunha puxa da Central, que foi de 860,10€  (ata ese día o récord estaba nos 859,79€ rexistrados o 8 de xullo de 2014). Tamén ese mesmo día se conseguiu o maior prezo pagado na Central por un exemplar de becerro carniceiro, un macho cruzado pertencente a unha explotación de Ordes (A Coruña) e nacido en agosto de 2016, o cal foi adquirido polo carniceiro Luis Fontán Lago, de Vilanova de Arousa por un prezo de 1.638€. Ata ese día o récord situábase nos 1.506€ pagados tanto por un exemplar na puxa do 1 de xullo de 2014 como por outro na puxa do 8 de xullo do mesmo ano.  

Por outra banda, tamén nas outras categorías se conseguiron importantes marcas. En becerros de recría acadándose a maior asistencia  e adxudicación de exemplares dende 2014, ao asistir 829 animais e adxudicarse 775.  En vacún maior  conseguiuse o maior prezo medio dende 2015, con 915,11€, ademais de rexistrarse nesta categoría a maior asistencia de reses dende 2015, con 363, o número máis alto de adxudicados dende ese mesmo ano, con 348, e as maiores transaccións dende 2012, ao ascender a 308.541€.

En canto a cifras totais, o 22 de agosto a puxa sumou nas tres categorías 1.205 reses, a maior cifra dende o ano 2014, cando concorreron 1.333 animais na puxa do 14 de xaneiro.

Un sistema de poxa informatizada único e referente

A puxa de gando vacún da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, pola que pasan anualmente uns 8.000 gandeiros e máis de 50 grandes compradores que puxan semanalmente, segue a ser a única informatizada de España. Isto significa que só este mercado conta cun modelo de comercialización baseado no sistema de poxa pública que evita o regateo e permite que ambas partes establezan as súas mellores condicións económicas para que as transaccións se leven a cabo de xeito transparente e eficiente.

Un sistema único no que a maximización dos prezos está garantida e que segue a ser un referente a nivel nacional pero tamén en Portugal.

 
© 2018 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal