A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA incrementou en 2016 a asistencia de reses á súa puxa de gando bovino en máis dun 6%


Silleda, 27 de decembro de 2016.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que todos os martes se converte nun referente para o sector gandeiro e que hoxe celebrou a derradeira sesión do ano, rexistrou neste 2016 nas súas poxas de gando bovino un crecemento dun 6,21% en asistencia  de reses e dun 0,39% en transaccións.

Así, en canto á asistencia, en 2016 a Central contou cunha concorrencia total de 44.071 animais, ascendendo esta en 2015 a 41.495 exemplares. Estes animais, pertencentes ás categorías de vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros, proceden na súa inmensa maioría das catro provincias galegas, se ben tamén se rexistran algunhas reses doutras comunidades limítrofes.

Por categorías, os becerros de recría foron os que rexistrou o maior incremento de reses, cun 9,21% máis, pasando de 25.003 en 2015 a 27.306 en 2016. Este crecemento débese, ao igual que o pasado ano, á estabilidade rexistrada nos prezos dos becerros de recría Frisóns fronte ás grandes subidas e baixas de períodos anteriores a 2015. Así mesmo,  tamén contribuíu a este incremento a incorporación ao mercado de transportistas xóvenes que trasladan á Central animais de distintos puntos de Galicia ao considerar esta actividade unha liña de negocio interesante, incorporando así novos Concellos de procedencia das reses.

En canto ao vacún maior, o incremento en asistencia foi dun 2,28% ao concorrer un total de 12.401 animais fronte aos 12.124 de 2015. Este aumento débese a tres factores. O primeiro deles é o crecemento de animais procedentes da provincia de Ourense debido a un cambio de tendencia que fixo que os gandeiros pasaran a considerar máis rendible asistir á Central que vender os seus animais nas súas casas a tratantes, en cuxas mans estaba ata agora a maioría do mercado provincial. O segundo factor é o retorno á Central, pola consecución de mellores prezos,  dalgúns gandeiros que tiñan firmado contratos directamente con matadoiros, mentres que o terceiro é a xa mencionada incorporación ao mercado de novos transportistas.

Pola súa banda, a de becerros carniceiros é a única categoría que non aumenta este ano a súa asistencia, se ben tampouco se pode considerar que descenda ao rexistrar soamente 4 exemplares menos, xa que en 2015 asistiron 4.368 animais  e en 2016 a cifra foi de 4.364 becerros. Reflexa unha tendencia de continuidade na asistencia de operadores participantes na Central.

Volume de transaccións


En canto á facturación das poxas de bovino en 2016, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou 65.969€ máis, o que significa un crecemento do 0,39%, pasando de 17.037.275€ en 2015 a 17.103.244€ este ano.

Este aumento nas transaccións débese ao aumento da facturación na categoría de becerros de recría, a cal ascendeu en 2015 a 5.147.462€ e en 2016 a 5.572.824€, o que supón un incremento do 8,26% Un aumento na facturación producido pola maior concorrencia de animais, xa que os prezos medios foron máis baixos. No caso da raza Frisona os prezos medios descenderon un 11% (de 119€/unidade en 2015 a 106€ en 2016), unha baixada que non é vista de xeito negativo polos gandeiros e que incluso inflúe na maior asistencia de becerros de recría xa comentada,  xa que vai acompañada dunha estabilidade no prezo que substituíu ao altibaixos que se producían outros anos debido á entrada de animais de Francia e outros países que prexudicaba aos gandeiros de Galicia e da zona norte. En canto ao prezo medio dos becerros de Cruce (un 23% menos, de 319€ a 299€) e Rubios (un 6,38% menos, de 427€ a 400€), son motivados pola inestable demanda do mercado coa que contan os cebadeiros para estes animais o que fai que os produtores deban regularizar os prezos á baixa para cubrir custes de produción.

En canto á categoría de vacún maior, as transaccións descenderon nun 3,56% ao pasar de 8.992.373€ en 2015 a 8.672.337€ en 2016. Isto débese a que no mercado en xeral o prezo medio destes animais aumentou no caso de categorías Extra (na Central tamén se incrementou nun 3,76%, pasando de 1.730€ a 1.795€) e mantívose nos exemplares de calidade media, pero nos animais de baixa calidade (de desfeito) os prezos foron moi baixos (a Central reflectiu isto cun 3,42% menos no prezo medio, de 437€ a 422€)

Respecto aos becerros carniceiros, o seu volume de facturación descendeu moi lixeiramente, nun 1,36%, ao pasar de 2.897.441€ en 2015 a 2.858.083€ en 2016. Isto supón unha liña de continuidade, aínda que á baixa, en canto ao prezos medios en Cruces (un 1,07% menos, de 750€ a 742€) e en Rubios (1,81% menos, de 812€ a 797€) pola mesma circunstancia que os becerros de recría, a inestable demanda do mercado e a necesidade de reducir prezos para cubrir custes. En canto a Frisón, si se produce un aumento do prezo medio (un 9,31%, de 438€ a 479€), que realmente supón unha volta a niveis normais tras unha importante baixada o pasado ano.

Importantes prezos máximos

Aínda que as transaccións en vacún maior e becerros carniceiros rexistraron unha leve baixada respecto ao pasado ano por diversas circunstancias de mercado, estas dúas categorías rexistraron na poxa da Central a presenza de destacados exemplares que acadaron importantes prezos máximos.

Así, a Central rexistrou o 4 de outubro o segundo mellor prezo pagado na historia da puxa por un becerro carniceiro, o cal foi un macho cruzado nacido en decembro de 2015 nunha explotación de Trazo (A Coruña) e adquirido por 1.502€, cunha diferenza de tan só 4€ respecto ao récord histórico conseguido por un exemplar desta categoría o 1 de xullo de 2014 (acadou 1.506€). Ademais, o 11 de outubro un boi de raza Rubia Galega nacido en 2008 e pertencente a unha explotación de San Sadurniño (A Coruña) foi adquirido por 5.072€, o que supón o quinto mellor prezo pagado na  Central por un exemplar de vacún maior, detrás dos 6.006€, 5.932€, 5.616€ e 5.259€  que se pagaron por bois de razas Rubia Galega, Caldelá e Asturiana de los Valles en 2015.

Un sistema de poxa informatizada único e referente

A puxa de gando vacún da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, pola que pasan anualmente uns 8.000 gandeiros e máis de 50 grandes compradores que puxan semanalmente, segue a ser a única informatizada de España. Isto significa que só este mercado conta cun modelo de comercialización baseado no sistema de poxa pública que evita o regateo e permite que ambas partes establezan as súas mellores condicións económicas para que as transaccións se leven a cabo de xeito transparente e eficiente.

Este sistema único, no que a maximización de prezos está garantida, é un referente a nivel nacional, pero tamén no país veciño, como demostran visitas como a recibida o 12 de xaneiro deste ano por unha delegación de Ajasul, asociación portuguesa de xóvenes agricultores radicada na cidade de Évora, situada na rexión do Alentejo, no sur de Portugal.

O motivo desta visita foi coñecer en profundidade o funcionamento da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA de cara a deseñar as novas instalacións que a asociación e outras entidades presentes na delegación tiñan proxectado construír a medio prazo para as puxa semanais de gando bovino que Ajasul celebra en Évora.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal