O Spring Festival volverá o 20 de maio á Feira Internacional de Galicia ABANCA con tres das orquestras máis solicitadas da comunidade


Silleda, 16 de decembro de 2016.- O evento musical Spring Festival volve a celebrarse na Feira Internacional de Galicia ABANCA o vindeiro 20 de maio na que será a súa terceira edición.

A empresa Piñeiro Pub, organizadora desta cita, está xa a traballar nun cartel co que pretende consolidar este festival no calendario musical galego, incluíndo a tres das orquestras máis solicitadas da comunidade.

O Spring Festival terá lugar no pavillón 1 do recinto feiral e está previsto que as entradas se podan adquirir tanto en taquilla como de forma anticipada en puntos de venda físicos e a través de internet.

Así mesmo, o evento contará de novo coas comodidades que o caracterizan, como a climatización do pavillón e servizos de restauración e roupeiro.

Un cartel con gran variedade

O Spring Festival tense caracterizado nas dúas primeiras edición, celebradas en marzo de 2015 e 2016, por ofrecer ao público carteis con gran variedade.

Así, levan participado neste festival 9 formacións, a maioría orquestras. Algunhas fixeron a súa presentación no evento, como La Fórmula e La Nueva Phila, e outras xa contaban cun nome no panorama musical, como Gran Casino, Panamá, Alcázar, Nebraska, Olympus, Ciclón e o grupo Camela.

Na súa última convocatoria o evento congregou en torno a 2.200 persoas que desfrutaron de máis de 9 horas de música.
 
© 2016 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas