A Feira Internacional de Galicia ABANCA rematou hoxe o seu programa formativo sobre mesas de contratación turística, o cal instruíu a 68 pemes do sector


Silleda, 11 de outubro de 2016.- A A Feira Internacional de Galicia ABANCA, co apoio de Turismo de Galicia, puxo en marcha dende o pasado 19 de setembro ata hoxe o programa formativo “Preparación de Pemes Turísticas Galegas para a súa Asistencia e Aproveitamento das Bolsas Internacionais de Contratación”, o cal supuxo o segundo programa destas características levado a cabo pola entidade feiral.

En total foron 68 empresas e entidades galegas do sector turístico as que asistiron aos sete cursos que conformaron este programa, os cales se celebraron noutras tantas cidades de Galicia. Estas foron A Coruña, onde comezaron os cursos, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo, rematando hoxe mesmo nestas últimas dúas cidades.

Cada un dos cursos estivo composto por clases presenciais, seguimento individual online ou telefónico entre sesións e unha posta en común para valorar o aprendido, sendo o seu obxectivo formar aos asistentes para participar con éxito nunha mesa de contratación con touroperadores e potenciar así o seus negocios.

Durante o seu transcurso os participantes aprenderon, entre outros aspectos, as principais canles de comercialización no sector, a delimitar segmentos de clientes, mercados e intermediarios, a definir o seu produto e as súas vantaxes competitivas para destacalos nas súas ferramentas de comunicación e promoción ou a realizar con efectividade a negociación, venda, seguimento e peche dunha operación.

Excelente valoración dos participantes

Os coñecementos incluídos no programa formativo impartíronse en base as características e necesidades das entidades participantes, entre as cales se rexistraron hoteis, aloxamentos de turismo rural, campings, empresas de enoturismo e turismo activo, axencias de viaxes, consorcios, guías turísticos ou departamentos de turismo de administracións locais.

Os asistentes, na súa maioría propietarios, directores, xerentes e técnicos de turismo, destacaron nas enquisas realizadas pola organización este carácter práctico do curso, valorando moi positivamente a posibilidade de aplicar os coñecementos recibidos á realidade do seu traballo, e incluso levando algúns deles xa á práctica durante o curso algunhas das ensinanzas recibidas en aspectos como redes sociais ou redefinición de prezos do seu produto. Ademais, nestes cuestionarios subliñaron a súa ampliación de coñecementos de cara a unha futura entrevista cun cliente potencial, así como a claridade e medios didácticos empregados polos docentes.

Turexpo Galicia 2017

Este programa de formación turística está relacionado co salón turístico Turexpo Galicia 2017, que celebrará a Feira Internacional de Galicia ABANCA do 8 ao 11 de xuño, e a súa Bolsa de Contratación Turística. Os cursos convertéronse nun paso previo de gran utilidade para aquelas empresas que queiran acudir á Bolsa, xa que os alumnos poderán sacar proveito do aprendido e transformalo en negocio a través da súa participación nestas mesas de contratación.

Esta Bolsa de Turexpo Galicia 2017 permitirá ás empresas participantes dar a coñecer con detalle as súas propostas a numerosos touroperadores tanto nacionais como doutros países con gran interese como emisores turísticos, en reunións axendadas con anterioridade e de acordo aos seus intereses
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal