A XGN R Encounter volve apostar polas novas tecnoloxías e o ocio electrónico do 13 ao 15 de outubro

Silleda, 11 de maio de 2023.- A XGN R Encounter 2023 celebrarase do 13 ao 15 de outubro, e volverá reunir a profesionais e afeccionados á informática e as novas tecnoloxías nunha cita que alcanza xa a súa 23ª edición.

Este evento, que conforma a maior lanparty de Galicia, contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, nos dous pavillóns principais do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda). Así mesmo, como é habitual, a tarde previa á inauguración, o 12 de outubro ás 16.00h, abrirá as súas portas de forma non oficial na súa xornada pre-party, para facilitar o acceso escalonado dos/as rexistrados/as. Os/as participantes poderán usar xa os seus equipos, aínda que será unha xornada destinada sobre todo á realización de traballos técnicos e posta a punto do evento na que se farán probas para garantir a estabilidade da conexión.

En canto á Intranet, orientada a rexistrados/as, permitirá gozar dun posto con conexión de altas prestacións e dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os/as participantes como para quen visite o recinto.

Formación, intercambio de experiencias e entretemento volverán ser os eixos desta edición, a sétima coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party.

A organización xa comezou a deseñar a cita, que seguirá incorporando melloras no seu obxectivo de converterse na segunda gran lanparty a nivel nacional. Trátase dun reto vinculado ao Grupo Euskaltel e a súa Fundación, a cal celebra desde hai máis de 25 anos no País Vasco a Euskal Encounter, a maior party de España.

Un programa didáctico e divertido

A XGN R Encounter contará con actividades moi variadas tanto para persoas rexistradas como para visitantes que acudan á Extranet. Novidades e propostas xa habituais que contan con gran éxito uniranse nun programa que incluirá competicións, talleres, conferencias, actividades de realidade virtual e tamén os xogos máis diversos.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal