Silleda, 29 de novembro de 2021.- O Comité Organizador da Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia, reuniuse esta mañá de forma telemática para tratar a celebración da próxima edición do certame.
O encontro, que estivo presidido polo director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, contou coa participación de representantes de empresas de gran relevancia no sector, tanto fabricantes como de transporte de viaxeiros, e tamén de destacadas asociacións. En canto ás primeiras, uníronse á reunión Atlas Bus, Autocares Lázara, Autocares Rías Baixas, Empresa Lázara, Evobus Ibérica (Automóviles Louzao-Mercedes Benz), Inturasa Pérez Rumbao (Iveco), Man Truck&Bus Iberia, Scania Hispania, Unvi, VDL Bus&Coach. e Volvo Group España. Respecto ás asociacións, participaron a Asociación Nacional de Empresarios de Transportes en Autocares (ANETRA), Asociación Nacional de Fabricantes de Carrocerías de Autobuses (ASCABUS), a Federación Galega de Servizos de Transporte en autobús (FEGABÚS), a asociación DIREBÚS ESPAÑA e a Federación Galega de Asociacións de Viaxeiros en Autocar (TRANSGACAR). Así mesmo, estivo representada a publicación Carril Bus.
Os participantes, que manifestaron unha vez máis o seu apoio a ExpoBus Iberia, consideraron que o idóneo para fixar as datas da terceira edición da feira é esperar a xaneiro para analizar entón as circunstancias do sector. Así, acordouse levar a cabo unha nova reunión nese mes.
A segunda convocatoria do certame tivo lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 21 ao 23 de novembro de 2019.