Auto Classic e Motor Show Galicia, dúas grandes citas cos vehículos clásicos e de competición que se unen do 12 ao 14 de novembro

 

Silleda, 21 de setembro de 2021.- A  Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 12 ao 14 de novembro dúas grandes citas do mundo do motor, Auto Classic e Motor Show Galicia, as cales están organizadas por  Sac  Events. Cada unha delas ocupará un dos dous pavillóns principais do recinto feiral, os cales suman 20.000 metros cadrados.

Auto Classic, centrado nos vehículos clásicos, contará con exposición e venda de coches antigos, así como todo tipo de pezas para restauración. Ademais, estarán presentes revistas especializadas e outras empresas relacionadas.

Motor Show Galicia, pola súa banda, terá como protagonistas aos vehículos de competición. Na súa exposición poderase adquirir todo tipo de equipamento para estes coches, desde rodas ou lamias ata equipos de música ou produtos para  abrillantamento. Tamén haberá servizos relacionados, como contratación de seguros.

Ademais desta parte expositiva, ambos os certames incluirán actividades. Así, no marco de Auto Classic realizarase unha concentración de coches antigos e varios roteiros pola comarca do Deza con chegada ao recinto feiral. Nesta cita, aos visitantes que acudan cun vehículo clásico realizaráselle un desconto no prezo da entrada. En canto ao Motor Show Galicia, ata o momento están programas exposicións de vehículos de competición.

O recinto, referente do motor

A  Feira Internacional de Galicia ABANCA suma así no seu calendario outros dous novos eventos relacionados co mundo do motor. Un sector que xa celebra varias citas no recinto debido a que atopou nel unha localización excepcional para estes certames, tanto pola gran amplitude dos seus espazos e as súas magníficas infraestruturas como pola súa centralidade xeográfica.

 

 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas